Axudas da Consellería de Innovación e Industria para infraestrura e software de TIC

A Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, publicou as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións con fondos públicos europeos ás empresas que realicen investimentos en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, nos que tamén se recolle a implantación de solucións baseadas en software libre.

Neste artigo adxúntase a orde publicada no DOGA do 11 de xaneiro e facemos un pequeno resumo, destacando a importancia do prazo para presentar as solicitudes que remata o día 15 de febreiro de 2008.

O PEGSI 2007-2010 estrutúrase nun conxunto de estratexias operativas, entre as que se atopan tres estratexias de fondo contido empresarial. En primeiro lugar a estratexia de desenvolvemento do sector empresarial da Sociedade da Información, co obxecto de fomentar a innovación, a iniciativa emprendedora, as vías de cooperación e especialización, a exploración de novos modelos de negocio e a cualificación profesional dentro das empresas do sector da Sociedade da Información. En segundo lugar a estratexia destinada á aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) polo tecido empresarial, co obxecto de que as empresas, e en particular as Pemes, adecuen o seu xeito de facer negocio aos novos usos que determina a Sociedade da Información, non só incorporando tecnoloxía, senón en moitos casos reformulando os modelos e procesos de negocio. En terceiro lugar a estratexia interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto que, na súa condición de estratexia transversal, afecta as dúas estratexias anteriores, e promove o uso dos estándares abertos para garantir a autonomía tecnolóxica do tecido empresarial galego e fomentar a súa capacidade de innovación.

Para infraestrutura interna das empresas para a Sociedade da Información subvenciónase: 

  • Investimentos en infraestrutura de rede cableada (fibra, cable, tomas de rede e repartidores), que deberán ser como mínimo categoría 6, e acreditarse posteriormente mediante certificación.
  • Investimentos en infraestrutura de rede sen fíos (cable, puntos de acceso, encamiñadores).
  • Equipamentos de electrónica activa da rede de datos interna (conmutadores, encamiñadores (routers), barreiras de seguridade), que deberán permitir GB ethernet.
  • Armarios bastidores e SAI que soporten a electrónica da rede.
  • Elementos centrais servidores da rede e dispositivos de almacenamento da información, da rede de datos interna, sempre que se diferencien perfectamente dos gastos non subvencionables.
  • Adquisición de equipamentos para o tratamento da información audiovisual tales como magnetoscopios,
    dixitalizadoras e mesas de mesturas.

Para aplicacións informáticas nas empresas, para a Sociedade da Información subvenciónase:

  • Gastos correspondentes á contratación externa para os desenvolvementos a medida das aplicacións e as adaptacións
    en profundidade, sempre que se defina detalladamente o alcance da adaptación ou desenvolvemento, e que se diferencien inequivocamente dos gastos non subvencionables.
  • Instalación, migración, posta en funcionamento e formación das citadas aplicacións.
  • Licenzas de software e implantación de aplicacións informáticas (software) de carácter produtivo e que deberán achegar solucións específicas para a actividade económica que desenvolve o solicitante (mirar punto 2.b2 do anexo 1 da orde).

Nisto último subvencionable, cabe destacar e nos congratula dende GALPon, que se recolla a implantación de aplicacións informáticas baseadas en código aberto e realizadas a medida para o solicitante, ou adaptación de librarías informáticas baseadas en código aberto, destinadas aos sistemas de información e de xestión da empresa solicitante. Entenderase como software de código aberto aquelas aplicacións informáticas co código fonte que se ofreza baixo os termos dunha licenza GPL ou compatible (ver en http://www.fsf.org), ou ben calquera licenza das recollidas pola Open Source Initiative (ver en http://www.opensource.org). Como por exemplo, entre as licenzas deste tipo máis difundidas, pódense sinalar a GPL (licenza pública xeral GNU), LGPL (licenza pública xeral menor GNU), MPL (licenza pública Mozilla), BSD (licenza pública BSD), ou a novidosa EUPL (licenza pública europea).

Máis información sobre estas axudas na páxina web oficial da consellería (www.conselleriaiei.org), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual, no teléfono 981 54 55 83 da devandita dirección xeral, ou no enderezo electrónico axudas.dxpisi@xunta.es.

 

AdxuntoTamaño
doga_080111_subvencións_ti.pdf83.1 KB