Que é GestiONG ?

GestiONG é un programa de xestión administrativa e contable para organizacións sen ánimo de lucro desenvolvido baixo o modelo de software libre co obxectivo de ser utilizado en sistemas operativos libres como GNU/Linux. A versión actual permite a xestión da base social: contactos, altas e baixas, cotas, recibos, ...; a xestión contable adaptada ao novo plan contable do 2008 e unha incipiente xestión de proxectos.

GestiONG é, ademais, un proxecto situado firmemente en cuestións que incumben á liberdade de uso, ao tipo de organizacións ás que vai destinado e ao uso da linguaxe dos manuais e dos textos do programa.

En canto á liberdade, todo o proxecto, incluíndo deseño, código, documentación e gráficos está distribuído baixo unha serie de licenzas coñecidas xenéricamente como copyleft. Estas licenzas promoven a distribución, uso e modificación libre de calquera parte do proxecto respectando os dereitos de autoría e intentando evitar a súa apropiación por parte de terceiras persoas. O código está licenciado baixo a Licenza Pública Xeneral GNU (GPL, GNU Xeral Public Licence) e a documentación baixo a Licenza de Documentación Libre de GNU (GNU Free Public License). O compromiso de GestiONG co software libre chega ata o punto de non apoiar o seu emprego en sistemas operativos propietarios nin formatos de documentos que non sexan libres. Esta decisión de deseño atrasou, quizais, a adopción do proxecto por parte de organizacións que aínda non estaban preparadas para o cambio efectivo de mentalidade, pero aínda así, GestiONG mantívose, e espera manterse no futuro, fiel aos seus principios.

En canto ao tipo de organizacións ás que vai destinado, GestiONG sitúase a favor das organizacións sen ánimo de lucro: ONG, asociacións e clubs de afeccionadas/os de todo tipo, centros sociais, organismos públicos, etc. Neste sentido, as necesidades de organizacións con ánimo de lucro serán simplemente desoídas.

Para rematar, en canto á linguaxe empregada, preferiuse o uso do feminino xenérico non só no programa e na documentación, senón tamén no propio código fonte, o cal foi un desafío que nos mostrou ata que punto está arraigada a linguaxe sexista nas carreiras técnicas.