Eleccións en Galicia '09 e o Software Libre

Diferente consideración teñen os 3 maiores partidos políticos en Galicia no que se refire á presencia do Software Libre nas Tecnoloxías da Información.

Neste artigo imos facer un breve estudo do que representa o Software Libre nos programas electorais das 3 forzas políticas máis importantes en Galicia. A orde escollida é o número de deputados/as obtidos/as nas anteriores eleccións.

 

Grupo Popular

No seu programa electoral atopamos 3 referencias ao "Software Libre":

  • Como primeira medida para o impulso da e-Administración, o PPdeG concentrará todas as competencias relacionadas co desenvolvemento das TICs nas administracións públicas galegas nunha única unidade administrativa, superando a actual división.
    Dita Unidade será a encargada do impulso das seguintes accións de goberno:
    - Impulso da implantación de software libre e uso de estándares abertos na Administración Autonómica, compartindo e reutilizando o software que fose creado con diñeiro público, sen posicións dogmáticas, fronte a 4 anos de bipartito de impulso teórico e enchido de adxudicacións de software privativo. (Páxina 172)
  • Uso ineficiente dos recursos adicados á introdución das novas tecnoloxías na docencia, por unha mala e desordenada aplicación do proxecto SIEGA (Sistema de Información da Educación Galega) para a implantación das novas tecnoloxías nas aulas, desaproveitando medios materiais e humanos e o abandono de aspectos esenciais como a formación do profesorado na aplicación das novas tecnoloxías á docencia. (Páxina 203)
  • Dotar, naqueles centros que polo seu volume o requiran, de persoal técnico en informática, de xeito que os centros poidan manter a tecnoloxía actualizada e preparada para o seu uso. (Páxina 207)

Grupo Socialista

No seu programa electoral atopamos as seguintes referencias:

  • Potenciaremos dun xeito especial o desenvolvemento do software de código aberto na educación, sanidade e para o conxunto da administración. (Páxina 42)
  • Estableceremos plans experimentais de emprego de software libre nos centros educativos da rede pública galega, co obxectivo da súa progresiva implantación. (Páxina 90)

Grupo BNG

No seu programa electoral atopamos as seguintes referencias:

  • Potenciar actividades intensivas en coñecemento, en especial aquelas relacionada coas novas tecnoloxías –fomentando a utilización do software libre– impulsando a incorporación destas na Administración, empresas e o impulso do autoemprego da mocidade neste ámbito. (Páxina 43)
  • Facilitación do acceso da mocidade ás novas tecnoloxías, nomeadamente ao coñecemento do software libre, prestando unha atención especial á posta en valor de novas fórmulas e espazos de creación a través da Internet (webs de deseño gráfico, blogues de creación literaria…). (Páxina 48)
  • Consolidar e ampliar o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre: Mancomun. (Páxina 66)
  • Seguir apoiando e potenciando o uso de Software Libre nas empresas e na cidadanía e estender o seu uso aos organismos administrativos da Xunta de Galiza, impulsando con acordos de colaboración e desenvolvemento de ferramentas acaídas ao caso o seu uso nos Concellos. (Páxina 66)
  • Continuar e mesmo intensificar o desenvolvemento de ferramentas TIC específicas de Software Libre a nivel sectorial para a súa utilización no ámbito empresarial. (Páxina 66)
  • Crearanse nos CFR prazas suficientes de asesores tecnolóxicos para cubrir as necesidades dos centros, co obxectivo de que sirvan de dinamizadores na introdución das novas tecnoloxías, asesorando, formando e apoiando o profesorado. (Páxina 136)
  • Os centros de certa complexidade contarán con persoal técnico e cualificado en TIC. A administración educativa garantirá o apoio e mantemento das TIC no resto dos centros. (Páxina 136)
  • A garantía do cumprimento das previsións contidas na Lei 11/2007, de acceso electrónico dos/as cidadáns/
    ás aos servizos públicos, coa finalidade de proceder a unha implementación gradual e decidida da administración electrónica como medio idóneo para favorecer a axilidade da actuación administrativa. Iniciar en paralelo experiencias de democracia electrónica que posibiliten unha participación áxil na toma de decisións no ámbito público. (Páxina 198)

Comentarios

Promesas, promesas...

Xa sabemos o que prometen os políticos, pois tamén iamos ter vivenda digna para todos, traballo de calidade e un mundo máis xusto. O que digan os políticos que van facer sobre o software libre non paga a pena leelo...

¿E que hai do que se fixo na lexislatura actual? ¿Canto custou o márketing de facer un sucedáneo de Ubuntu? ¿Como se apoiou nalgunhas consellerías o software privativo de M$?