Vieiros ven de publicar unha nova que confirma un novo acordo entre Microsoft Ibérica e a Consellería de Educación para incorporar programas do xigante no ensino galego.
A nova é un mazazo, xa que dacordo ás liñas positivas de futuro que viña tomando a Xunta indicaban que ían a apostar polo software libre. Con este acordo, semella que damos un paso de volta atrás e que incrementarase a fenda tecnolóxica entre a Galiza e outras comunidades como Extremadura, que ainda que a temos case ó lado non aprendemos nada.
A falta de confirmar o acordo pola parte oficial da Xunta, segundo indica a nova de Vieiros, a responsable de Microsoft Ibérica argumenta que "o seu uso (do software libre) nas aulas restrinxe as posibilidade dos alumnos de integrarse no mercado laboral". Algo que non paga a pena nin rebatir porque contrasta coa alta demanda de traballadores relacionados con tecnoloxías abertas e de software libre no mundo laboral das TIC. E se non, que vaian a preparar oposicións á Junta de Extremadura e verán como no temario aparece OpenOffice...
A decisión da Xunta pode estar relacionada co encontro que mantiveron a responsable de Microsoft na España e o Presidente Touriño o día 18 de abril de 2007, nova que foi emitida no seu día oficialmente pola Xunta de Galicia e onde se di que daranlle preferencia (¿a Microsoft?) ós sectores público e privado das pemes, da educación e da administración electrónica.
Ligazóns:
Comentarios
Pasamos á acción. Presentando instancias á Xunta.
Dende GALPon estaremos pendentes de se se vai hipotecar o futuro das rapazas e rapaces galegos en materia de educación fomentando o uso de software privativo ou se pola contra se promociona o uso de Software Libre tal e como está aprobado polo parlamento galego recentemente no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información). Estamos en contacto co resto de grupos galegos de Software Libre e co profesorado sensibilizado nesta materia a través da lista de correo Software Libre no ensino galego non universitario (softlibre-edugal@mancomun.org).
Dende GALPon e outros grupos de software libre galegos, enviaremos instancias ao goberno preguntado por este suposto acordo con Micro$oft. Imos enviar este modelo:
---
Á atención de (nome do alto cargo), (cargo)
(organismo do que é responsabel)
(enderezo postal do organismo)
Don/Dona (nome e apelidos) con NIF (nif) e domicilio a efectos de
notificación postal (domicilio onde queiras recibir a resposta), en nome
e representación de (nome da asociación) asociación sen ánimo de lucro
inscrita no rexistro (rexistro) con número (número),
EXPÓN
- Que con data 30 de marzo de 2007 foi aprobado polo Parlamento Galego o
Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI),
anteriormente aprobado por unanimidade polo Consello da Xunta o pasado
10 de xaneiro de 2007.
- Que o PEGSI define claramente unha política tecnolóxica do Goberno
Galego baseada no uso de estándares abertos e na promoción do software
libre, dacordo co Acordo político asinado polos partidos políticos
que conforman o actual goberno.
- Que con data 27 de maio de 2007, a presidenta de Microsoft Ibérica,
dona Rosa María García, afirmou en declaración pública que "estaba
pendente de chegar a un acordo coa Xunta".
- Que a corporación norteamericana Microsoft foi condenada polo Tribunal
Europeo de Xustiza por prácticas monopolísticas que impiden a
concorrencia no mercado en igualdade de condicións das empresas como as
que conforman a industria TIC galega.
- Que os formatos de ficheiros empregados por esa corporación non
cumpren os requerimentos estabelecidos pola Comisión Europea para
garantir a interoperabilidade dos sistemas de información das
administracións públicas entre sí.
- Que existen alternativas aos produtos desta empresa, amplamente
empregadas noutras administracións públicas, que por ser gratuítas non
supoñen un coste adicional de licenzas que debamos pagar os cidadáns
cos nosos impostos.
Por todo esto, SOLICITA:
- Ser informado dos termos deste acordo en caso de que exista, ou
desmentir no seu caso a súa existenza.
- En concreto, ser informado como parte concernida, se forma parte das
previsións da nova Xunta a compra de licenzas de Windows Vista ou Office
2007 para o seu entorno de traballo corporativo.
- Ser informado se existe un plan de migración a software libre e dos
seus prazos tal como foi manifestado en diversas ocasións por
destacados responsabeis políticos da Xunta.
- Recibir por escrito os termos da súa resolución no enderezo postal
antes indicado, de acordo co previsto na lexilación vixente.
Saúdalle atentamente,
(nome e apelidos)
(sinatura)
(lugar, data)
--
Os dous primeiros parágrafos do EXPÓN pódenvos ser útiles para
contextualizar calquera cousa que teña que ver co software libre e a
Xunta. O resto é cousa de darlle renda solta á creatividade que todos
levamos dentro :) O último parágrafo é para evitar que den a calada por
resposta.
Compre sempre ser correctos e non insultar. Tamén compre facer chegar os
escritos ao lugar correspondente, que adoita ser unha Consellaría ou máis
concretamente unha Dirección Xeral. Sempre é mellor dirixirse directamente
ao organismo responsabel. Unha vez identificado o organismo, só quedaría
identificar ao seu/súa responsabel. Como enderezo de postal de destino,
basta indicar o de S. Caetano (Edificio Administrativo de San Caetano
s/n, Santiago de Compostela). Para aforrarvos o traballo de ter que
buscar, creo que con estas será suficiente na maior parte dos casos:
Cando sexa algo xeral de software na Xunta a Consellaría competente é a
de Presidencia, en concreto esta Dirección Xeral que veñen sendo os
"administradores do sistema":
http://guiacomunicacion.xunta.es/node/1873
Cando sexa algo que relacione software e língua, esta:
http://guiacomunicacion.xunta.es/node/266
Cando teña que ver con empresas, mancomún ou en xeral calquera cousa de
Sociedade da Información que non esté referida a algunha das anteriores
dúas cousas, esta, que é a mais guai de todas ;-)
http://guiacomunicacion.xunta.es/node/1929
Feito isto, imprimir, asinar, sacarlle unha fotocopia ao texto asinado,
e presentarse en calquera rexistro da xunta, idealmente o do organismo
competente para acelerar o proceso, ou ben no Rexistro Xeral, que está
en S. Caetano entrando pola porta principal á esquerda (tamén se pode presentar a través do
"portelo único", un rexistro de documentación con destino a administración da
comunidade autónoma que se pode empregar naqueles Concellos que asinaron o
convenio).
Unha vez no rexistro, indicar que se quere presentar unha instancia,
amosar o orixinal e a copia. Unha vez que cuñen a copia, xa podemos dar
o escrito por apresentado.
Outra opción para non ter que ir a S.Caetano, é enviar a instancia por
correo certificado. O proceso é o mesmo, pero en troques de ir ao
Rexistro Xeral, basta ir a unha oficina de Correos, por que a validez
legal é a mesma.
Espero que isto vos resulte útil. Outras opcións tamén as hai, pero ou
son moi complexas, ou involucran meterse en política a través dalgún
partido para facer preguntas parlamentarias por exemplo, pero xa me
supoño que iso non vos mola moito. Este tema das instancias é bastante
limpo, efectivo e directo. Non hai problema en que llo fagades chegar a
varios organismos ao mesmo tempo, nise senso a Xunta é máis parecida a
Linux que a Windows :)
1,4 millóns de euros para Microsoft de parte dos galegos
É increible, marchamos de vacacións e aproveitan para colarnos nos presupostos o pago das licencias a Microsoft durante 3 anos; no DOGA do luns 30 de abril:
AGNIX: A Xunta adxudica 1.452.500 € a Microsoft
Ainda por riba de que nos someten ó retraso, regalámoslles durante 3 anos unha pasta que valería para ¿contruir vivendas? ¡Vaia indignación!