Despois da primeira experiencia coa «noite drupal&gnu/linux» organizada polos compañeiros da comunidade O Zulo de Mugar2.0, e recollendo o facho que lanzaron ao remate da mesma, Galpon inicia os pasos para por en marcha a II noite drupal&gnu/linux.
Esta segunda edición celebrarase en «a cova dos ratos» na rúa Romil, nº 3 de Vigo o vindeiro día 1 de xullo (venres) desde as 22:30 ata as 5:30 da madrugada e terá como proxecto a realización dunha proposta de mestres de varios colexios de Nafarroa (Navarra) que podedes seguir en: http://goo.gl/c36E3
Salientar que temos proxectado que toda a «noite» sexa retransmitida ao través de dous puntos de fluxo de vídeo (streaming), un coa imaxe e o son do entorno e outro no que seguir a pantalla de proxección interna, na que iremos vendo as actividades sobre o servidor (terminais, consolas, etc...) presentacións e/ou documentacións dos participantes, así como as vistas previas que se vaian facendo. Isto requirirá que os que queiran seguilos deberan ter abertas dúas instancias de VLC (ou o que prefirades) adicando cadansúa ao seu URL correspondente.
Seguiremos a empregar a mesma infraestrutura que xa xeraron, no seu momento, os compañeiros de O Zulo, como é o URL para as inscricións http://www.comunidadeozulo.org/noite e a plataforma Moodle. As inscricións abriranse o domingo 12 de xuño.
Nesta edición contamos co apoio económico e técnico da empresa TEGNIX.