A alternativa libre a rede social Facebook

Como todos saberedes (e quen non vaino saber agora), as redes sociais están resultando un pouco unha revolución. O uso de sitios web deste tipo, xa sexa Facebook, Tuenti, Twitter, MySpace, etc. (desculpade, non as uso e só coñezo as máis relevantes) é masivo. Pero o problema é o de sempre: estes sitios non traballan con tecnoloxí­as libres (se ben é certo que os de Facebook fan algunha contribución puntual á comunidade). Porén, existen tecnoloxí­as libres para solucionar este problema.

A que máis salienta é quizais Identi.ca, un sitio web similar ao Twitter que xa lle fai unha certa competencia, dado que as súas funcionalidades rivalizan coas do orixinal. Identi.ca é un sitio web que utiliza a tecnoloxí­a libre StatusNet, que xa aproveitaron tamén outros sitios web aparte de Identi.ca (hai unha gran lista en http://status.net/wiki/List_of_servers, de onde cómpre salientar Lareta, un servidor galego, que por desgraza está caí­do no momento de escribir estas liñas).

Pero o gran reto para o software libre de redes sociais é crear un sitio web que rivalice co grande, Facebook. E iso é o que está intentando gNewBook, orixinalmente desenvolvido por e para a Fundación GNU Chile, pero que agora desenvolven persoas de todo o mundo. gNewBook é unha rede social baseada nunha plataforma web libre denominada ELGG. O desenvolvemento de gNewBook aí­nda está nas súas primeiras fases, pero avanza a grande velocidade, e o propio equipo do sitio colabora activamente cos desenvolvedores de ELGG para aumentar ou mellorar as súas funcionalidades.

Nestes momentos gNewBook, ademais das funcionalidades común a calquera outra rede social, permite a creación de álbums de fotos, blogues, grupos (cos seus álbums, blogues, etc.), conversas, microblogues (con soporte para a integración con Identi.ca), aloxamento de ficheiros, interface para dispositivos móbiles, etc. E non tardará en ofrecer moito máis.