Analizados os proxectos presentados, só un superou a fase previa administrativa, xa que dos (poucos) proxectos presentados todos, agás un, non cumprían as bases. Uns por non acompañar o orzamento estimado, outros por presentar un proxecto excesivamente ambiguo e outros por consistir na compra dun «kit» e proceder a montalo, o que consideramos que é unha manualidade.
De entre todos, como diciamos, só un cumpría os requisitos mínimos, polo que fíxose merecedor da achega de material conforme ao convenio e que foi o presentado por:
Alberte Xosé (Tucho) Méndez López
en representación do:
CPI Alcalde Xosé Pichel - Código: 15003881
Enderezo: Rúa Traba, 88 (San Roque)
Traba (Santa María)
Coristanco
15147 - A Coruña
cun orzamento total de 807,59 € (sen incluír o I.V.E.)
A seguir reproducimos o proxecto presentado
Proxecto:
Presentamos dous proxectos que esperamos sirvan de "vehículo" para a aprendizaxe dos rapaces e rapazas, deste xeito, esperamos que poidan coñecer dimensións distintas do traballo con hardware e software libre.
Como xa dixemos, o nivel do que partirán os participantes da actividade vai ser moi básico, e o noso obxectivo sería conseguir crear unha base de rapaces e rapazas cos suficientes recursos como para entender as posibilidades do hardware e software libre e poder desde aí deseñar e levar a cabo os seus propios proxectos.
Asimesmo, queremos fomentar neles o espírito da cultura libre, de xeito que eles mesmos se convirtan en membros da comunidade Open Source.
A filosofía de PatacaLabs basearase no "aprender facendo", na aprendizaxe entre iguais e na autonomía, e o punto de partida sería unha formación básica en hardware e software libre, para o que nos basearíamos en titoriais xa deseñados como os de arduino.cc, sparkfun ou adafruit.
Os proxectos que presentamos son:
a) Estación meteorolóxica:
Creación dunha estación meteorolóxica de centro empregando hardware libre.
Búscase empregar arduino, raspberry, beaglebone ou calquera outra plataforma para desenvolver unha estación meteorolóxica completa.
A idea complementaria é documentar o proceso de xeito que logo este proxecto poida ser implantado noutros centros, adaptando ao entorno concreto as particularidades da estación.
Unha posible secuencia deste proxecto sería:
- Aprender a ler sensores de temperatura, presión e humidade en Arduino.
- Crear dispositivos que puideran servir de pluviómetro e anemómetro.
- Aprender a amosar os resultados das medicións nunha pantalla ou nun LCD.
- Conectar a estación meteorolóxica cunha pantalla noutra localización.
- Conectar a estación a un servidor web e amosar os datos nunha páxina web.
- Desenvolver o anterior en outras plataformas (Raspberry Pi)
- Conectar a estación a un sistema de rexistro de datos na nube.
- Coordenar esta estación con outras semellantes noutros centros.
b) Creación dun robot móbil:
Aproveitando que contamos con ter unha impresora 3D á nosa disposición que nos serviría para deseñar pezas, o obxectivo é partir de plataformas xa desenvolvidas( ArduSkyBot, o miniSkyBot, o cube revolutions ou o RARM) e chegar a desenvolver a nosa propia plataforma ou algún complemento para as mencionadas, baseándonos en Arduino e Hardware libre, e documentar o proxecto de xeito aberto.
A secuencia de desenvolvemento do proxecto podería ser:
- Iniciación ao control (Arduino)
- Control de motores e servos.
- Control de sensores.
- Relación entre motores e sensores, movemento controlado.
- Impresión 3D: como imprimir en 3D.
- Montaxe de robots xa deseñados.
- Afondamento en control e robótica sobre plataforma preexistente.
- Impresión 3D: Deseño de pezas propias en 3D.
- Creación dunha plataforma propia ou dunha parte adaptable a outra plataforma preexistente.
- Log in to post comments