Misión imposíbel

Parece o título dun filme, máis non o é, ou si, segundo desde que perspectiva queiramos interpretalo. O que seguro que é é a forma de describir mellor unha peripecia.


Esta peripecia xira arredor do intento de vivir nunha cidade proxectada cara a este século que ven de comezar, e descubrir que todo o esquema social, tódolos axentes sociais oficiais, proxecta esta cidade cara atrás, cara ó século XIX.


Como responsábel da organización de actos de GALPon vinme na necesidade de conseguir un local, aula, pequeno salón de actos, ..., con capacidade para (arredor de) 50 persoas e que abrira un sábado para facer unhas actividades, e descubrín que nesta nosa cidade de Vigo é «misión imposíbel».


Nunca se preguntou ninguén porque nesta cidade só se proxectan actividades para xubilados, estudantes e parados? pois a resposta é moi sinxela. Cando se pretende organizar un acto para técnicos que están traballando (en empresas ou como autónomos) vemos que é preciso perturbar o mínimo posíbel unha xornada de traballo, máis coa que está a caer, o que nos leva a programar cursos e xornadas de formación en fin de semana. Ademais, se tentamos traer a especialistas moi cualificados e/ou recoñecidos, poden asistir a impartir os seus relatorios ou lección en fin de semana, xa que noutros días interrompería a súa actividade profesional e, nalgúns casos, implicaría un desembolso en forma de honorarios que non é doado acadar.


Pensamos que se un traballador fai o esforzo de formarse e lle adica un sábado de seu, a empresa para a que traballa ben pode facer un pequeno esforzo e darlle «libre» a tarde do venres. Ata aquí, todo o que levamos falado con traballadores e empresas concorda, é boa idea; o malo ven cando, partindo da base de que estes cursos son concibidos como «aportación a sociedade», polo tanto de balde, non podemos permitirnos alugar instalacións de hoteis, centros de congresos, etc. así que nun primeiro lugar recorremos ao Concello. A nosa primeira sorpresa, o que queiramos... agás un sábado, xa que os sábados «todas» as instalacións culturais do Concello pechan en fin de semana (curiosamente, non pasa o mesmo coas deportivas). De seguido recorremos a organizacións empresariais... a mesma resposta. Acudimos a rede CeMIT (Xunta de Galicia), que ven de facer unhas inversións millonarias en toda Galicia, en Vigo concretamente dúas aulas e unha sala de audiovisuais, unha das aulas na Universidade (na que nunca vimos unha soa actividade, estando pechada decotío) e as outras dúas xestionadas en concerto co Concello, localizadas na rúa Oporto, e como anda o Concello polo medio xa sabemos, sábado pechado.


Certo que nun principio nós trabucámonos, xa que pensabamos que se acadabamos os 25 inscritos poderiamos darnos «cun canto nos dentes», polo que solicitamos (e concedéusenos) unha sala no Centro Social de Novacaixagalicia. O problema xorde cando vemos que levamos 40 inscritos e que non temos espazo para acollelos, tentamos que Novacaixagalicia nos cambie a unha sala con máis capacidade e xa non é posíbel, todo ocupado. É nesta cando comezamos a xeira de «paseos» polas demais institucións da cidade.


A día de hoxe temos 55 inscritos, máis do dobre do que podemos acoller e lamentabelmente vémonos na obriga de facer un corte no inscrito número 30 (estirando ao máximo a capacidade da sala da que dispomos) e lamentar que nesta cidade non sexa doado (por non dicir factíbel) procurar que os nosos técnicos teñan o mellor nivel. Nós tentaremos seguir adiante a pesares do pouco «sentidiño» dos responsábeis das moitas instalacións infrautilizadas, instalacións que tiveron un alto custo de instalación e teñen un alto custo de mantemento, mais que perden rendibilidade por seguir mirando aos esquemas de dispoñibilidade de tempo do século XIX.