Bolsa GALPon para o «Campus Tecnológico UGR para Chicas 2015»

GALPon convoca unha bolsa para rapazas estudantes en Galicia para asistir ao «Campus Tecnológico UGR para Chicas 2015» que organiza a Universidade de Granada.

Importe

Máximo 1 000 € que poden detallarse así:

  • 500 € para hospedaxe e comida
  • 300 € para as viaxes
  • 200 € para outros gastos

Candidatas

As candidatas deberán ter entre 14 e 18 anos e ser:

  • Alumnas de 3º ou 4º da ESO
  • Estudantes de BAC
  • Estudantes de Módulos profesionais

En tódolos casos en centros de ensino galegos.

Selección

A candidata terá que enviar unha carta|correo|vídeo|etc. de presentación de candidatura, na que ela conte que é o que a motiva a asistir a este Campus.
Temos tamén que recibir unha carta (correo-e seguro) da persoa responsábel do centro ou docente de tecnoloxía na que expoña en detalle os méritos da candidata, e na que tamén faga unha «recomendación» de porque considera que pode ser merecedora desta bolsa.
Estas cartas serán avaliadas por un grupo de docentes de tecnoloxía que colaborarán con GALPon.
De haber empate, optarase pola rapaza que dispoña de menos recursos económicos ou se atope en calquera outra situación, non académica, que a sitúe en desvantaxe competitiva. Salientar que, agás o expediente académico, tódolos datos serán tratados de xeito confidencial.

Inscricións na «Bolsa»

  1. Preinscribirse no Campus (ver apartado seguinte).
  2. Enviar o correo/vídeo de presentación a GALPon antes do: mércores 13 de maio
  3. GALPon comunicará á beneficiaria da bolsa o: luns 25 de maio
  4. Completar a inscrición no Campus (ver apartado seguinte).

Prazos de [pre]inscrición no Campus

Acceder aos formularios en sereingeniera.ugr.es

  • Fin de preinscrición alumnas: venres 15 de maio
  • Comunicación de aceptación alumnas: venres 22 de maio
  • Inscrición definitiva alumnas: venres 29 de maio

Pais

Os pais terán que asinar todas as autorizacións que define a Lei con respecto as autorizacións que precisan as menores de idade nestes casos.

Procedemento de pago da bolsa

Unha vez teñamos verificada a aceptación da inscrición por parte da organización do Campus, confirmaremos a concesión da bolsa e procederemos a un primeiro pago de 300 € a fin de que poida facer as reservas oportunas no medio de transporte que considere.
A mediados do mes de xuño, a máis tardar o día 21 de xuño, tras ter recibido copia dos gastos de transporte/desprazamento, procederemos ao pago do restante ata completar o importe da bolsa.

Obrigas da bolseira

A rapaza beneficiaria desta bolsa comprometerase a:

  • Asistir a todas as aulas e actividades programadas dentro do Campus, sempre que non haxa forza maior.
  • Manter unha actitude positiva e proactiva en todas as actividades
  • Concluído o Campus e xa de volta en Galicia, elaborará un artigo, baixo a forma literaria que considere oportuna, ou un vídeo-blog, no que exporá a experiencia vivida para que sirva de referencia a outras escolantes da súa idade e con inquedanzas semellantes. Este artigo ou vídeo deberá liberalo baixo unha licenza que permita a súa libre difusión e a súa reutilización (CC by-SA ou semellante).

Notas finais

Se a rapaza non dispón dun computador portátil  de seu para levar a Granada e poder facer as prácticas, GALPon prestaralle un co Sistema Operativo Debian 8 (Jessie) Instalado, e de ser procedente, tamén se lle prestará (segundo o que dende a organización do Campus nos indiquen) equipos RaspberryPi e Arduino.

GALPon ten contactos con familias, vinculadas coa organización do Campus, que poden acoller eses días á rapaza. Este punto tratarase individualmente co centro e coas familias.

Para calquera detalle sobre esta bolsa podedes escribir a presidente[en]galpon.org