AVISO:
Aprazamento actividades
Como medida de precaución ante a situación sanitaria do país, dende GALPon tomamos a decisión de cancelar os nosos eventos previstos para as próximas catro semanas, incluído este obradoiro sobre Snap! e micro:bit. Agardamos que a situación mellore para tratar de retomar a actividade habitual.
En colaboración coa Industriosa estamos a organizar un obradoiro sobre programación por bloques. Este obradoiro estará dirixido por Bernat Romagosa (@bromagosa).
Introdución
No seu momento, non hai moitos anos, falar de «Scratch» e de «programación con bloques» eran sinónimo un da outra; ademais falabamos sempre de liberdade. A partires da publicación da v.2.x de Scratch, esta deixou de ser «realmente» libre, xa que estaba programada en flash e dependía de «Adobe AIR» (estritamente privativo), que, por se fose pouco, deixou de estar dispoñíbel para GNU/Linux.
Nesta situación, Jens Mönig e Brian Harvey reescribiron Scratch empregando html5 e javascript, dando lugar a un «fork» realmente libre: Snap! BYOB2. Neste momento o Scratch vai xa pola v.3.x, desta volta cun forte apoio económico por parte de Google, o que leva a que Scratch só desenvolva toda a súa potencia se se emprega no navegador ou no S.O Chrome de Google, e non existindo aínda un sistema «offline» que poida ser executado nun S.O. libre.
Pouco a pouco o Snap! foi medrando, e hoxe en día é o sistema de programación por bloques máis potente, mantendo a liberdade como bandeira e mantendo a mesma facilidade para a programación pola xente miúda, pero engadindo funcionalidades que fan que sexa axeitado para unha introdución seria á informática para estudantes de secundaria ou universidade.
A pesares do dito, Snap! segue a ser ignorado, deixándose a xente, especialmente o mestrado, levar pola «popularidade» do Scratch, e deixando de lado o concepto de liberdade.
Por todo isto, en GALPon decidimos organizar unha Conferencia/obradoiro/sesión maxistral a cargo de Bernat Romagosa, desenvolvedor dos proxectos Snap!, Snap4arduino co padriñazgo de EDC3 (Education Development Center) e BJC4 (The Beauty and Joy of Computing) así como do MicroBlocks. Nesta xornada desenvolverase unha lección teórica sobre Snap e Snap4arduino e a seguir unha sesión práctica de MicroBlocks con placas micro:bit.
A organización disporá dalgunhas placas micro:bit e CPX outros compoñentes para prácticas.
Estructura do obradoiro
A xornada dividirase en dúas partes, Na primeira, farase unha sesión divulgativa (relatorio + demos) sobre Snap!, que incluirá Snap4Arduino. Na segunda desenvolveremos un obradoiro práctico con MicroBlocks, con menos «leria» e máis «cacharreo».
Requisitos de asistencia
Os participantes teñen que traer o seu propio computador portátil (ver na parte final desta nota as Recomendacións técnicas, relativas ao software a empregar).
- Data: Sábado 4 abril 2020
- Relatorio de: 10.00- 12.30
- Hora inicio obradoiro: 12.30
- Hora fin: 18.30
- Duración total: 8.30 horas (incluído o tempo do xantar)
- Prazas dispoñíbeis: 40
- Lugar: Salón de Actos do Centro Cívico de Teis. Oficina Municipal de Distrito, entre Camiño Cancelo, Rúa Maceiras e Rúa dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres.
Inscrición:
De balde, e imprescindíbel que cubrades a folla de inscrición, a data límite será o 2 de abril, sempre que non se esgoten as parazas antes.
Como chegar:
Ver o mapa a pantalla completa
Importante: Accederemos directamente ao Salón de Actos polo acceso da Rúa dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, 12 (anteriormente Rúa de Pedro Alvarado) á beira do pabellón de deportes.
Recomendacións técnicas:
Recomendámoslle a todos os asistentes que, a fin de evitar perdas de tempo e problemas na rede wifi, leven instalado o software ue se vai empregar
MicroBlocks
https://learn.adafruit.com/microblocks-circuitplayground-express-ornament/exploring-microblocks
O aconsellábel é facer unha instalación completa, teremos en conta que, en Windows hai que instalar os controladores serie, en MacOS hai un requisito de primeira execución e en GNU/Linux terá que engadir o seu usuario ao grupo propietario de porto serie ou executar con «sudo» (todo detallado na folla que ligamos).
O máis sinxelo e empregar os «standalone excutables» (executábeis independentes, que non precisan instalación, só descargalo e darlle permisos de execución).
Non esquecer as máquinas virtuais (http://microblocks.fun/additional_downloads), dos dispositivos a empregar
- https://github.com/bromagosa/microblocks-site/releases
-
vm.circuitplay.uf2
-
vm.ino.BBCmicrobit.hex
-
Un exemplo:
Folla de Adafruit cun exemplo, traducida en liña:
Titoriais:
Manual en catalán, doado de entender:
Coa colaboración de:
Espazo cedido gratuitamente polo Concello de Vigo coa colaboración da Concellería de Participación Cidadá
Este obradoiro forma parte das actividades que GALPon realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2020 da Xunta de Galicia.
- Log in to post comments