A plataforma de XADE da Consellería de Educación deberá cumprir estándares abertos

A Consellería de Educación saca a contratación o desenvolvemento de novos módulos de software da aplicación informática de Xestión Académica Das Ensinanzas (XADE) dos centros educativos non universitarios esixindo que estes módulos cumpran con estándares abertos non propietarios e que sexan compatibles con varios navegadores.

Basándose no emprego de tecnoloxías abertas coma J2EE, HTML 4.01, CSS ou OpenLDAP, entre outras, o desenvolvemento destes servizos deberá ter nivel de accesibilidade AA e ser multiplataforma. Ademáis toda a documentación deberá presentarse seguindo o estándar OASIS (OpenDocument Format - ODF) que emprega, por exemplo, a suite ofimática OpenOffice.

XADE é coñecida polo profesorado pola súa pésima estructura de traballo e problemas de seguridade xa que só era empregable dende arquitecturas propietarias coma IExplorer e Access a través de rede local, sendo denunciado polos GULs o ano pasado.

Espérase que o desenvolvemento baseado en estándares abertos leve consigo a mellora na calidade desta ferramenta tan básica para o traballo de administración dos centros galegos de educación non universitaria.

En detalle, o prego de prescripcións técnicas solicita os seguintes puntos:

Arquitectura a tres niveis:
    Acceso a base de datos, a través de consultas/modificacións na linguaxe estándar SQL.
    Nivel de aplicación que conteña a lóxica da aplicación, o contorno de transaccións, e que xestione os accesos a base de datos e o intercambio co usuario. Integrarase no contorno J2EE xa presente na Consellería. Implementarase seguindo o framework Jakarta Struts.
    Interfaz de usuario a través da web: compatible polo menos cos navegadores iExplorer 6+ e Mozilla Firefox 2.0+; utilizando estándares non propietarios (HTML 4.01, ECMAScript, CSSx, etc); nivel de accesibilidade AA.
Escalabilidade, alta dispoñibilidade e seguridade
    Co obxecto de garantir a escalabilidade, a aplicación estará deseñada para ser balanceada entre varias máquinas.
Arquitectura software:
      Sistemas operativos: Solaris, GNU Linux, Windows
      Xestor de base de datos: ORACLE 10g.
      Servidor de aplicacións: Tomcat.
      Servidor Web: Apache Web Server.
      Servidor LDAP: SunOne Directory Server, Open LDAP.
      Linguaxes de desenvolvemento: HTML, ECMAScript, JAVA, SQL , PL/SQL.
      Servidor de informes: Jreport de Jinfonet Software, iReport, JasperReports.