Vostede está aquí

O Software Libre como escusa

Ou a falsidade nun suposto Congreso de Software Libre para Educación, cando na realidade é un congreso de software de balde, incluído o privativo.

Antes de nada, indicar que non temos nada que obxectar sobre a realización dun congreso de software para educación, nin sobre a súa idoneidade nin sobre os seus obxectivos, xa que non somos docentes e ese é un tema que nos supera. O noso anoxo prodúceo a utilización indebida do cualificativo «libre» ao software no enunciado deste congreso, e sobre iso é sobre o que queremos escribir a fin de que quede claro, ou máis claro que sexamos quen de facelo, como, tanto no título como na «declaración de intencións» deste congreso, se manipula o concepto «Software Libre» a fin de facelo servir aos propósitos (que  sospeitamos espurios) da organización.

Leemos na web da organización o apartado titulado «OBXECTIVOS DA ACTIVIDADE.-»

  • Propiciar o intercambio e coñecemento mutuo entre investigadores e profesores de educación na área de software libre para o seu uso en educación.
  • Brindar a posibilidade de encontro entre todos os profesores e profesoras de Galicia interesados no ensino da área científica-matemática-tecnolóxica, e mesmo das demais áreas do ensino, desde o punto de vista do uso de software libre, para facilitar o intercambio de ideas e experiencias así como a presentación e difusión de recursos didácticos.
  • Ofrecer un  espazo para coñecer mellor e gozar do mundo do software libre con exposicións de diversas experiencias e mostras.
  • Ver as posibilidades de uso do software libre nas empresas e na FP.

A actividade está orientada a facilitar a actualización do profesorado de Galicia, difundir os novos vieiros de software libre, impulsar o desenvolvemento da investigación en educación e en software libre, dar a ocasión de coñecer innovacións educativas e difundir distintas liñas para a aprendizaxe e ensinanza das distintas materias da educación.

(Nota: as negriñas son nosas)

Vemos como, en cinco parágrafos, citan 6 veces o termo «software» e sempre xunto ao termo «libre».
A seguir, vemos o apartado «Relación provisional de relatorios» no que presenta 18 obradoiros ou conferencias e unha vista a unha instalación.

Só imos fixar a nosa atención naqueles obradoiros|conferencias que nunha primeira ollada chamaron a nosa atención e após puidemos consultar o contido (ou guión do obradoiro|conferencia) na páxina «Resumos de relatorios e obradoiros do IV Congreso de Software»

Temos que salientar que no título que lle deron a esta páxina xa non cometen o erro de manipulación de empregar o cualificativo «libre» vinculado a «software».

Entrando en materia

INTRODUCCIÓN A ARDUINO EN LA EDUCACIÓN

Pouco que comentar neste obradoiro|conferencia, agás lamentar que vai empregarse software privativo, concretamente da coñecida empresa Autodesk (AutoCAD).

Lemos na fin da proposta:

...
3. Aplicaciones prácticas de sobre Arduino para usar en el aula, ...
...
    d. Montaje de los componentes electrónicos del proyecto número 2 del kit (interface de nave espacial) y simulación, usando la aplicación online 123dCircuits
    e. Programación gráfica de Arduino: Utilización del programa Scratch para Arduino para realizar una aplicación en donde se controla un motor. Se prueba en 123dCircuits

(Nota: as negriñas son nosas)

Podedes botarlle un ollo a licenza do 123dCircuits.

Non sería máis axeitado empregar (p. ex.) Fritzing?

Creación de videoxogos educativos en HTML5

... mostraranse e explicaranse as principais ferramentas gratuítas dispoñibles na rede para crear videoxogos en HTML5.

(Nota: as negriñas son nosas)

A ver ... non estamos en que a cousa vai de «libre» e non de «de balde»?

Nota: Infórmannos asistentes a un obradoiro sobre o mesmo tema neste mesmo congreso do ano pasado, que o traballo desenvolveuse sobre unha aplicación que só traballa en entornos windows. Neste caso, suxeriríamos o emprego de Brackets, Tululoo Game MakerGDevelop, etc, ademais na páxina de HTML5 Game Engines temos abondosa informació sobre motores libres.

Grashopper (Exemplos de xeometría e funcións en Matemáticas e Plástica), Hiperboloides, superficies acanaladas, etc... Manuel Díaz

Grasshopper é o típico programa de arte xenerativa que usan case exclusivamente os arquitectos. Non está moi claro se é libre (está entre o software libre na wikipedia e podense facer libremente plugins) pero ao mesmo tempo, a súa pantalla de proxección é Rhino que é un software 3d relativamente barato e con prezo educativo, pero non é libre. Sen embargo ten como característica a programación usando bloques como en App Inventor, Scratch, EV3 ou NXT que fai máis asequible os conceptos de programación aos alumnos (como comprobamos nos concursos de robótica de Igaciencia), tendo ademais un resultado inmediato e espectacular no visor de Rhino. Un programa no que os cursos sobre el eran cursos "mileuristas", caros, se ben ultimamente baixaron algo.

(Nota: as negriñas son nosas)

Após ler esta introdución ao «grasshopper» só podemos dicir que hai unha manipulación «intencionada» xa que afirma algo que non é certo e confía en que ninguén o verifique «Non está moi claro se é libre - está entre o software libre na wikipedia» (Argumento ad ignorantiam).

a ver ... wikipedia ...

http://es.wikipedia.org/wiki/Grasshopper_3D no cadro da dereita lemos: Licencia Software propietario

http://en.wikipedia.org/wiki/Grasshopper_3D no cadro da dereita lemos: License Proprietary

A isto engadiremos, só é utilizábel en Windows e sempre sobre Rhinoceros 3D http://es.wikipedia.org/wiki/Rhinoceros_3D (ver o cadro da dereita)

O que máis nos gusta (a verdade, non sabemos se rir ou chorar) desta «desinformación» é a aseveración: «Un programa [Rhinoceros 3D] no que os cursos sobre el eran cursos "mileuristas", caros, se ben ultimamente baixaron algo.»

É moi importante salientar que esta ferramenta só pode executarse en entornos Windows, co que todos os centros Abalar quedan excluídos. Agás que se faga un gasto adicional en equipos pagando a licenza oportuna; cousa do máis lóxica nestes tempos, nos que hai cuartos a esgalla en todos os centros de ensino.

Como alternativa a Rhinoceros 3D e o seu engadido Grasshopper, podemos empregar, por exemplo, FreeCAD. Do que podemos atopar un bo feixe de videotutoriais en YouTube (en castelán) feitos por Juan González (obijuan)

Ademais, temos unha dúbida moi preocupante, o propoñente deste obradoiro|conferencia, Manuel Díaz, é a mesma persoa que o Presidente da Institución Galega de Ciencia (IGACIENCIA) Manuel Diaz Regueiro? De selo a cousa é aínda moito máis grave, ao seren o propio «responsábel» desta actividade o primeiro en «violar» os obxectivos|principios (declarados) deste Congreso.

Robótica educativa con EV3.

O Robot ev3 de Lego non é gratuito (ningún robot, libre ou non o é, e si algunha versión do software, e o hardware non é libre, pero o seu sistema operativo é Linux, software libre, tendo ademais a posibilidade de instalarlle outros tipos de software na tarxeta sd ...

Aquí vemos unha manipulación moi intencionada para xustificar o uso do «non» libre, en primeiro lugar informa de que ningún hardware é de balde, co que xa introduce unha primeira xustificación baseada nunha falacia de afirmación do consecuente, ─ libre == gratis ─ (tamén puidera ser un Argumento ad nauseam). Admite que algunha «versión» do software non é libre no canto de dicir abertamente que é software privativo. Insiste cunha nova xustificación, desta vez sería unha falacia de xeneralización apresurada, que está baseado en Linux que si é software libre, sería como se nós dixeramos que «Mac OS X é libre xa que está baseado en BSD que é libre».

Podedes ver a licenza de EV3

No canto de tanta xustificación e tanta reviravolta, porqué non emprega LeJOS ?

http://en.wikipedia.org/wiki/LeJOS

Scratch

Agardemos que neste obradoiro non empreguen a v 2.x do Scratch, xa que ten unha «absoluta» dependencia dunha ferramenta privativa, Adobe AIR, que, por se non fose abondo, ademais ten abandonado o seu mantemento para GNU/Linux (Adobe AIR for Linux is no longer supported. To access older, unsupported versions, please read the AIR archive.).

Como alternativa, suxerimos o emprego de Snap (BYOB) sobre a versión 1.4 do Scratch que si é libre.

Pode traballar en liña|rede con ou sen as ferramentas de bloques, e dispón do engadido Snap4Arduino (o novo S4A).

Video en Educación

Aplicacións didácticas de Youtube & vídeo interactivo.

Sobre a consideración de «software libre» de YouTube non hai nada que dicir, agás lembrarlle a xente que NON é libre.

Aínda e así, aceptando o seu uso, preocúpanos que se incida, ademais, na promoción doutras ferramentas que tampouco son libres. Neste punto gustaríanos lembrar a todo o mundo unha premisa do software privativo «Se o servizo é de balde, o produto elo ti», preocúpanos máis habendo solucións libres.

...  veremos outras solucións online como WireWax ou Flixmaster e o software de pago Camtasia studio,  programas de pago  que permiten alcanzar altos grados de interactividade

(Nota: as negriñas e o subliñado son nosos)

Obradoiro de App Inventor 2 e tablas fusión

Como continuación do Obradoiro do anterior congreso trataremos de ver os aspectos prácticos que melloren os nosos mapas en google Maps con Inventor. Para iso utilizamos tablas Fusión, creadas por Google, que permiten almacenar datos de todo tipo, pero sendo unha compoñente xeográfica un dos datos, ben latitude e lonxitude, ben o enderezo que nos permita sinalar nun mapa de google maps diversas localizacións.

Dúas cousas PRIVATIVAS, Google Fusion Tables e Google Maps

Como aos poucos imos aborrecendo isto do que escribimos, só imos indicar algunha ligazón para que consultedes.

OpenStreetMap, a alternativa libre a Google Maps
http://www.theproject.ws/es/node/109

Na wikipedia en español
http://es.wikipedia.org/wiki/OpenStreetMap

Un mapa exemplo:
https://www.openstreetmap.org/#map=18/42.86313/-8.55475

Unha verificación de calidade dos mapas
http://tools.geofabrik.de/mc/#16/42.8629/-8.5506&num=4&mt0=mapnik&mt1=google-map&mt2=bing-map&mt3=mapnik-german

Leemos na Wikipedia en español sobre Google Maps:

En 2014, los documentos filtrados por Edward Snowden revelaron que Google Maps es parte y víctima del entramado de vigilancia mundial operado por varias agencias de inteligencia occidentales y empresas tecnológicas.

Para substituír as Google Fusion Tables dispoñemos de moitas opcións libres, só indicamos algunhas:

Tablas Fusión

...

Despois para ver as posibilidades avanzadas desta aplicación de cartografía, seguiremos os procedementos que seguen a continuación:

· Unha primeira táboa de fusión simple con representación de datos: de onde son os meus alumnos? E os do instituto?

· Aplicar unha ferramenta en liña para descargar un arquivo shapefile en zip en Google Fusion Tables.

· Importar unha folla de cálculo de Excel ou Calc en Google Fusion Tables con datos estatísticos, do IGE, por exemplo.

...

Veremos despois como podo usar táboas Google Fusion na miña clase?

...

Ten en conta que:

• Unha das grandes cousas que ten Google Maps é que pode traballar a todas as escalas. Así pode crear un mapa de só o concello de Tui, por exemplo, ou pode crear un mapa de Galicia, ou da UE, ou do mundo.

Erre que erre con Google Fusion Tables e Google Maps

IMPORTANTE:

Unha das grandes cousas que ten Google Maps é que pode traballar a todas as escalas.

Ô_Ô gran «particularidade» de Google Maps.

Conclusión

O problema máis grave que atopamos nesta «manipulación» é o efecto que ten, ou pode ter, sobre aquelas persoas que so coñecen o software libre de oídas e quere achegarse a el. Asistindo a este congreso a idea que van levar é errónea, confundindo aínda máis o «libre» co «de balde» e considerando ético o uso de ferramentas cun elevado custo social.

É por isto que consideramos que se retiran o cualificativo de «libre», e a iconografía asociada ao mesmo, do discurso promocional, non temos nada que obxectar.

A Xunta Directiva de GALPon.