22 entidades sen arela de lucro reciben equipos informáticos reciclados con Sofware Libre doados pola Uvigo

O Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo, Gruvi coa coordinación da asociación GALPon, encargáronse de reciclar e actualizar con software libre equipos informáticos en desuso e obsoletos para o traballo diario na propia universidade.

Deste labor beneficiáronse ata 22 entidades sen arela de lucro, entre as que se atopan a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, ANPA Valentín Paz Andrade, Asociación de Veciños de Ventosela, Comité Universitario do campus de Ourense, Cáritas Interparroquial de Arousa…

O Gruvi, é un programa de voluntariado que xorde no ano 2005 como unha resposta ante o problema de acumulación de residuos informáticos, aproveitables en moitos casos, nos distintos centros da Universidade de Vigo, o que ademais de supoñer un problema ecolóxico, é tamén unha grande inxustiza social. No proxecto GRUVI colaboran a OSIX, a OMA (Oficina de Medio Ambiente) e a Asociación GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra)

GALPon, é a encargada de instalar software libre nos equipos xa preparados para doar. Concretamente instálalles GALPon MiniNo e PicarOS, as dúas distribucións orientadas a equipos antigos e con poucos recursos que desenvolve GALPon. Así mesmo, encárganse de formar aos voluntarios do GRUVI e de ofrecer asistencia técnica ás entidades que reciben os equipamentos en canto ao uso e mantemento do software.

Durante a entrega dos equipos, o pasado xoves, vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas subliñou que “se trata de material que aquí xa non se usaba pero que si pode ser de utilidade para moitas outras partes da sociedade”, e explicou que de cara ao ano que vén vaise tentar pór en marcha un plan de trazabilidade “para seguir o itinerario de cada instrumento que damos, por se algún día non serve que non vaia ao lixo senón que volva a nós”.

Cada ano medra a cantidade de material recollido e tamén o número de entidades solicitantes. “Este ano recibimos solicitudes de 66 asociacións pero non temos para todas polo que temos que facer unha criba”, subliñou Ricardo Corderí, xefe do servizo de Extensión Universitaria, que explica que para a concesión se ten en conta o ámbito territorial das asociacións –teñen que ter a súa sede nas provincias de Pontevedra ou Ourense-, o número de beneficiarios e tamén a experiencia ou o interese social do proxecto.

Unha segunda oportunidade que alonga a vida dos equipos

Este programa púxose en marcha no curso 2005-2006 e, dende entón, foi medrando con forza tanto na cantidade de material recollido como no número de solicitudes por parte das asociacións. O obxectivo é ofrecer unha segunda oportunidade a material que quedou obsoleto pero que tras un proceso de reciclaxe pode ter unha segunda oportunidade e resultarlle útil a diferentes asociacións e ongs, facilitando así o acceso ás novas tecnoloxías a diferentes colectivos.

Nuria Davila é traballadora social e hoxe acudiu a recoller un ordenador en nome da Asociación Viguesa de Alcoholoxía, unha unidade asistencial de tratamento do alcoholismo. “Para nós é moi importante contar con este tipo de recursos”, subliñou Davila, que explicou que o ordenador será empregado tanto “para facilitar o acceso a Internet aos usuarios do centro como nos cursos de formación que ofrecemos sobre diferentes materias, entre elas a busca de emprego por Internet”, engadiu.

Manuel Correa, Mª José Castro e Beatriz Villar son membros da Asociación de Pais e Nais Outeiro de Vea da Estrada. "Informáronnos desta iniciativa dende a dirección do colexio e eles mesmos nos axudaron cos trámites da solicitude”, subliñaron. “Se non fose por este tipo de ideas a nós non nos sería posible acceder a este tipo de equipos”, apuntou Manuel Correa, que admitiu que este curso puideron dispor xa dun ordenador que lles cedeu o concello “ao que agora podemos engadir este”.