Argallando cunha Raspberry Pi

Para o obradoiro Raspberry Pi, outro concepto de computador que ven de desenvolverse o pasado sábado 29 de xuño, dentro do ciclo dos Sábados Libres na Altamar, publicamos en formato wiki o manual referente ás actividades realizadas.

Creemos que este manual ven cubrir dúas eivas importantes:

  1. Unha das razóns (na miña opinión a de máis peso) do gran éxito desta «maquiniña» é a gran cantidade de documentación ao respecto, porén en galego apenas vimos máis aló dalgún que outro comentario.
  2. Agrupar nunha mesma páxina wiki unha serie de dúbidas (e/ou elementos non moi divulgados) e ofrecer unha solución conxunta, de forma tal que poidamos solucionar de vez varias configuracións do noso interese.

Seguindo o habitual criterio do autor do mesmo, este manual é perfectamente comprensíbel polos usuarios noveis, as ordes están ben desbrozadas para que non haxa dúbidas ao respecto. Así mesmo a súa aplicación segue o principio de só Software Libre polo que todo o traballo está orientado a traballar sempre cun S.O. GNU/Linux.
Atoparedes este manual no Wiki de GALPon


Algúns dos temas tratados no manual:

  • Creación dunha tarxeta básica de sistema con Raspbian
  • Transferindo o S.O. a un USB
  • Reciclando unha vella tarxeta SD de 1 GB
  • Instalación dun NAS con OpenMediaVault
  • Traballando con múltiples discos e UUID
  • Dispositivo externo de almacenamento
  • Servidor FTP
  • Cliente Torrent con almacenamento nun dispositivo externo
  • Caso práctico complexo

Así mesmo, Ssbre o RaspWolf, Xabier desenvolveu esta documentación que deixou a pública disposición no wiki de Inestable

Esta actividade forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.