Construíndo unha impresora 3D con GALPon

En GALPon estamos preparando un obradoiro para aquelas persoas que queiran introducirse no mundo dos makers con Hardware e Software Libre.

A dinámica que estamos planificando é a seguinte:

  • Adicaremos unha xornada (sábado) completa.
  • Construiremos unha impresora Prusa i3 (RepRap ou máquina replicante).
  • Os asistentes poderán agruparse en equipos.
  • Haberá unha persoa, con experiencia na construción destas máquinas, adicada a non máis de dous equipos para titorizalos.
  • Cada equipo deberá levar todos os materiais necesarios para a construción dunha impresora.

GALPon preparará un conxunto (kit) completo, con todo o necesario que porá a venda para quen queira aforrarse o traballo de xestionar a compra de todos os compoñentes.

Nota 1: Para mercar estes conxuntos (kits) completos, teredes que facer unha reserva por correo e facer un «ingreso a conta» que aínda non podemos concretar. Oportunamente, publicaremos un listado detallado dos materiais incluídos no conxunto e as normas/condicións para facer o pedido.
Nota 2: O PVP deste conxunto será estritamente o de custo, incluíndo os gastos de xestión e transporte, polo que a maior número de solicitudes poderemos dispor dun mellor prezo.

Agradecemos que nos fagades calquera comentario que consideredes pode axudar a unha mellor preparación deste obradoiro.