Obradoiro sobre contornos de programación por bloques «Snap!» e «microblocks»

Tras ter sido aprazado no ano 2020 pola emerxencia sanitaria, retomamos o proxecto.

En colaboración coa Industriosa estamos a organizar un obradoiro sobre programación por bloques. Este obradoiro estará dirixido por Bernat Romagosa (@bromagosa@mastodont.cat).

Introdución

No seu momento, non hai moitos anos, falar de «Scratch» e de «programación con bloques» eran sinónimo un da outra; ademais falabamos sempre de liberdade. A partires da publicación da v.2.x de Scratch, esta deixou de ser «realmente» libre, xa que estaba programada en flash e dependía de «Adobe AIR» (estritamente privativo), que, por se fose pouco, deixou de estar dispoñíbel para GNU/Linux.

Nesta situación, Jens Mönig e Brian Harvey reescribiron Scratch empregando html5 e javascript, dando lugar a un «fork» realmente libre: Snap! BYOB2. Neste momento o Scratch vai xa pola v.3.x, desta volta cun forte apoio económico por parte de Google, o que leva a que Scratch só desenvolva toda a súa potencia se se emprega no navegador ou no S.O Chrome de Google, e non existindo aínda un sistema «offline» oficial que poida ser executado nun S.O. libre (Si hai alguna proposta particular coma «Scratux».

Pouco a pouco o Snap! foi medrando, e hoxe en día é o sistema de programación por bloques máis potente, mantendo a liberdade como bandeira e mantendo a mesma facilidade para a programación pola xente miúda, pero engadindo funcionalidades que fan que sexa axeitado para unha introdución seria á informática para estudantes de secundaria ou universidade.

A pesares do dito, Snap! segue a ser ignorado, deixándose a xente, especialmente o mestrado, levar pola «popularidade» do Scratch, e deixando de lado o concepto de liberdade.

Por todo isto, en GALPon decidimos organizar unha Conferencia/obradoiro/sesión maxistral a cargo de Bernat Romagosa, desenvolvedor dos proxectos Snap!, Snap4arduino co padriñazgo de EDC3 (Education Development Center) e BJC4 (The Beauty and Joy of Computing) así  como do MicroBlocks. Nesta xornada desenvolverase unha lección teórica sobre Snap e Snap4arduino e a seguir unha sesión práctica de MicroBlocks con placas micro:bit.

A organización disporá de placas micro:bit e CPX para prácticas. Disporemos tamén dalgún trebello CoCube para que os coñezades (Tentaremos dispor de algúns para prácticas se for posíbel). Asemade, Bernat vai traer un surtido de placas diferentes (Adafruit Clue, Citilab ED1, M5Stack Atom Matrix) para que os asistentes as poidan probar.

Estrutura do obradoiro

A xornada dividirase en dúas partes, Na primeira, farase unha sesión divulgativa (relatorio + demos) sobre Snap! Na segunda desenvolveremos un obradoiro práctico con MicroBlocks, con menos «leria» e máis «cacharreo».

Requisitos de asistencia

Os participantes teñen que traer o seu propio computador portátil (ver na parte final desta nota as Recomendacións técnicas, relativas ao software a empregar).

  • Data: sábado 26 de abril (se se considera oportuno, continuará no domingo 27, só de mañá)
  • Sábado, relatorio de: 10 a 12
  • Sábado, hora inicio obradoiro: 12:00
  • Sábado, hora remate obradoiro; 19:30
  • Duración total: 7h 30min (9h 30m incluído o tempo do xantar)
  • Prazas dispoñíbeis: 40
  • Lugar: A Industriosa
    • Rúa Gregorio Espino 38, entresollado 3 (36205 Vigo, Pontevedra - Galicia)

Inscrición:

De balde, e imprescindíbel que vos inscribades. Para inscribirse tedes que ir á nosa páxina de eventos en Mobilizón e anotarvos neste evento,  premendo no botón   Participa  . A data límite será a do 18 de abril ás 12 da noite, sempre que non se esgoten as parazas antes.

Como chegar:

Ver en pantalla completa

Respecto da hora do xantar:

Como xa temos feito nalgunha ocasión anterior, propoñémosvos que xantemos no local cunhas pizzas e/ou unhas ensaladas. Botádelle un ollo ao formulario que temos en Framasoft (aínda en elaboración) no que tamén pensamos en necesidades especiais ou escollas éticas, e se vos parece axeitado, facémolo así.

Recomendacións técnicas:

Recomendámoslle a todos os asistentes que, a fin de evitar perdas de tempo e problemas na rede wifi, leven instalado o software que se vai empregar

MicroBlocks

https://learn.adafruit.com/microblocks-circuitplayground-express-ornament/exploring-microblocks<

O aconsellábel é facer unha instalación completa, teremos en conta que, en Windows hai que instalar os controladores serie, en MacOS hai un requisito de primeira execución e en GNU/Linux terá que engadir o seu usuario ao grupo propietario de porto serie ou executar con «sudo» (todo detallado na folla que ligamos).

O máis sinxelo e empregar os «standalone excutables» (executábeis independentes, que non precisan instalación, só descargalo e darlle permisos de execución).

Non esquecer as máquinas virtuais (http://microblocks.fun/additional_downloads), dos dispositivos a empregar

Un exemplo:

Folla de Adafruit cun exemplo, traducida en liña:

Titoriais:

Manual en catalán, doado de entender:

 

Coa colaboración de

   

logo librebit

Patrocinado por:

Logotipo amtega_novo

Esta actividade enmarcase dentro das actuacións en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do Plan de acción en materia de Software Libre no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.