Plan de actividades para este ano 2024

incibe-segundo-factor

Neste ano temos prevista a realización dunha serie de obradoiros, dous deles enfocados na seguridade e outros dous no uso de software para amadores da fotografía e para radioafeccionados.

As datas e o local aínda non están decididos, mais con toda probabilidade desenvolveranse entre febreiro e maio, dedicando a cada obradoiro entre tres e catro horas (unha mañá ou unha tarde completa, ou ben dúas tarde-noites de xoves e/ou venres)  nos espazos de A Industriosa.

Estes obradoiros desenvolveranse da man de Julio Herrero.

Sistemas de autenticación con segundo factor (A2F) mediante chave USB

Descrición:

No uso e administración dos sistemas Linux, os usuarios comezan por autenticarse co sistema que pretenden utilizar ou administrar. A forma máis común é autenticarse mediante un nome de usuario e un contrasinal, mais no sistema operativo GNU/Linux pode utilizar varios métodos para realizar esa autenticación.

Neste obradoiro práctico amosarase como autenticarse nos accesos (login) en máquinas Linux utilizando un dispositivo físico (memoria USB) como elemento necesario para acceder ao sistema.

Para iso empregarase o sistema PAM (Pluggable Authentication Modules), e concretamente o módulo pam_usb, que amosa a súa instalación, configuración e integración co sistema PAM Linux. O acceso ao sistema amosarase só mediante a memoria USB, sen ningún contrasinal, así como o seu uso como segundo factor de autenticación, precisando neste caso a memoria USB e un contrasinal para acceder.

Programa:

  • Introdución e obxectivos.
  • A autenticación. Sistemas FIDO, OATH etc. 
  • O sistema de módulos de autenticación conectables PAM.
  • O módulo pam_usb, instalación e configuración.
  • Chaves comerciais (Yubikey etc.).
  • Tarxetas intelixentes (smartcards).
  • O DNI electrónico e o seu  uso como autenticador.

Software libre para fotógrafos, uso básico de darktable

Descrición:

Nos últimos 20 anos a fotografía experimentou un gran cambio tecnolóxico. A dixitalización provocou un crecemento exponencial da cantidade e calidade das fotografías que podemos facer, conseguindo así milleiros de arquivos, en distintos formatos, que teremos que xestionar. Para axudarnos, aparecen diversos programas especializados en catalogar, almacenar e procesar todos estes ficheiros. Neste obradoiro de software libre para fotógrafos exploraremos o fluxo de traballo dunha fotografía e como podemos axudarnos con programas libres e de balde de alta calidade, como Darktable, para facilitar a xestión diaria das fotografías que acumulamos.

Programa:

  • Introdución e obxectivos
  • A evolución da fotografía. Formatos RAW. 
  • Darktable, interface e módulos principais.
  • Complementos básicos de Darktable para a edición de fotos.
  • Xestión do arquivo fotográfico.    • 
  • Outros programas libres.

Software libre para radioafeccionados

Descrición:

Dende os seus inicios, a radioafección estivo relacionada coa investigación técnica no campo das radiotelecomunicacións por parte dos afeccionados a esta tecnoloxía. A medida que a tecnoloxía de radio se dixitalizou, fíxose posible enviar e recibir comunicacións por radio entre ordenadores conectados tanto a Internet como transceptores. A dixitalización tamén permitiu o desenvolvemento da radio definida por software (SDR), que permite o tratamento (modulación, demodulación, filtrado, decodificación...) dos sinais de radio captados por unha antena. Neste obradoiro veremos diferentes softwares libres empregados polos radioafeccionados para facilitar o exercicio desta afección.

Programa:

  • Introdución e obxectivos.
  • Evolución da radioafección, dos modos dixitais e do WSJTX. 
  • O libro de garda e moito máis: CQRLOG.
  • A QSL dixital: LoTW (TrustedQSL) e eQSL.
  • Radio definida por software (SDR). GQRX.
  • Outros programas libres.

Introdución ao uso de nftables para construír devasas personalizadas

Descrición:

Actualmente, no mundo hiperconectado no que vivimos, a seguridade informática é fundamental. Un elemento principal e imprescindible neste ámbito é o cortalumes, elemento que nos permite filtrar o tráfico segundo os nosos intereses, e que constitúe unha primeira gran barreira fronte á inmensidade de conexións que aparecen en calquera dispositivo conectado a Internet.
Comprender como se conectan os dispositivos de rede IP entre si é esencial para filtrar o tráfico e eliminar todo o que pode ser potencialmente perigoso para os sistemas e os usuarios.
O sistema GNU/Linux integra no seu núcleo unha estrutura que permite filtrar e manipular o tráfico dun xeito eficiente: nftables.
Neste obradoiro mostraremos as ferramentas que nos proporciona o proxecto Netfilter para construír cortalumes adaptados a cada necesidade que poidamos ter, dende redes sinxelas ata sistemas segmentados e complexos. Tamén se verán utilidades que usan nftables pero que facilitan a implantación para os usuarios, como firewalld.

Programa:

  • Introdución e obxectivos.
  • Redes IP, conectividade de dispositivos.
  • Filtrado de tráfico en Linux, ipchains, iptables, nftables.
  • O sistema nftables, configuración e uso.    •
  • Construír devasas completas con nftables.
  • Firewalld

Coa colaboración de:

logotipo xunta-amtega