Por mor da necesidade de publicar todas as gravacións que se fixeron no Congreso esLibre os pasados 17 e 18 de abril en Melide, ocorréusenos que xa era hora de ter unha plataforma propia para non depender da oferta que fan outras asociacións ou persoas voluntarias.
Dándolle voltas ao asunto, Dende Librebit e Aitire ofrecéronnos os recursos físicos (espazo de aloxamento da plataforma) na que voluntarios de GALPon déronlle forma a unha instalación de PeerTube á que, para nomeala, recorreron á propia estrutura do que sería o seu URL tube.libre.gal, daí saíu TubeLibre, que se define como: Plataforma de vídeo libre, galega e federada para divulgación e coñecemento aberto.

Porqué PeerTube?
PeerTube permítenos crear unha plataforma de vídeo con total independencia, nela non hai algoritmos nin lerias que condicionen o visionado e, moi importante, non hai ningún tipo de rastrexo.
Outra das grandes virtudes de PeerTube é a federación, que que é isto?, pois simplemente a interconexión coas outras plataformas independentes de PeerTube, creando unha gran rede de plataformas que son á vez autónomas e interconectadas. Para a federación, empregase o protocolo, aberto e estándar, ActivityPub, que nos permite, entre outras cousas, atopar o que nos guste ou apeteza en toda a rede federada, no mesmo buscador.
Se acaso bótalle unha ollada ás preguntas frecuentes de PeerTube.
Que é, ou pretende ser, TubeLibre?
Esta plataforma que xestionamos nós e patrocinan dúas empresas ben coñecidas no eido do software libre, como son Librebit e Aitire, pasa a estar ao dispor de entidades ou grupos que traballen a prol da Cultura libre Galicia. Porén, xa que o espazo de aloxamento non é infindo, vémonos na obriga de restrinxir o emprego para obras de carácter divulgativo e formativo. Calquera outra posibilidade de publicación teríamos que falalo.
Aquelas entidades ou grupos que teñan interese en publicar nesta plataforma só teñen que porse en contacto con nós, sexa a través da páxina de contacto da propia plataforma, escribíndonos ao noso correo-e ou nas RR. SS. e xa acordamos como xerar unha conta.
Estreándonos co esLibre_26
Como diciamos, publicar os vídeos gravados durante o esLibre_26, foi o revulsivo para a creación desta plataforma. Pensamos que non poderiamos ter tido mellor escusa.
Tendes xa dispoñíbel a canle esLibre_26 na podedes acceder a 47 vídeos, que supoñen máis de 26 horas, nas que están recollidos os relatorios, salas e obradoiros que se realizaron durante os dous días.
Nada disto podería ter sido posíbel sen a colaboración desinteresada de:
- Log in to post comments

