Publicado o horario/programa definitivo de esLibre 2026

pegatina esLibre 2026

Achegase o momento para que Melide se encha de comunidade, tecnoloxía e cultura libre. Xa podemos imaxinar como van ser esas dúas xornadas: foi publicado o programa completo do Congreso esLibre 2026.

Durante os días 17 e 18 de abril, esLibre ofrecerá 40 relatorios e 9 obradoiros, repartidos en catro salas que levan nomes moi ligados ao territorio melidao: Santolina Melidensis, Forno dos Mouros, Río Furelos e Abeancos. Un xeito de conectar o encontro co lugar que o acolle e de lembrar que a cultura libre tamén medra desde as vilas.

A actividade comezará o venres coa apertura de portas e acreditacións ás 9:30, dando paso á presentación oficial do congreso. A primeira xornada alongarase ata as 20:30, mentres que o sábado a programación arrincará ás 9:30 e estenderase ata as 19:30, cando terá lugar un roteiro fotográfico pola vila baixo a dirección do Museo da Terra de Melide, unha proposta pensada para seguir compartindo e descubrindo o territorio desde outra mirada.

O programa destaca pola súa diversidade. Haberá contidos técnicos sobre software libre, infraestruturas ou desenvolvemento, mais tamén propostas prácticas e creativas como obradoiros de soldadura electrónica ou composición musical con ferramentas libres. Xunto a isto, non faltarán espazos para reflexionar sobre cuestións máis filosóficas, como a liberdade en Internet, a soberanía tecnolóxica ou o papel das comunidades na construción do coñecemento aberto. As persoas interesadas poderán seguir o congreso tanto de xeito presencial como en liña, ademais algúns relatorios terán aos relatores en remoto, o que permite que persoas de calquera lugar teñan un oco para participar.

Importante e agardada é a XIII Xornada de Usuarios de R en Galicia, un encontro consolidado que nesta edición se integra  en esLibre, aumentando as posibilidades de conexión entre a comunidade da análise de datos e o ecosistema máis amplo do software libre.
Xunto a ela, haberá outros espazos dedicados a comunidades: o colectivo Amarinha.gal, centrado na soberanía dixital e na creación de proxectos locais desde o ámbito rural; a sala Wikimedia, orientada a tecnoloxía, comunidade e inclusión; e ECSIT(UDIT) + InnovaWiki, dedicada á innovación docente e á divulgación con coñecemento aberto.

Coa intención de facilitar a participación de todas as persoas, o congreso contará tamén cun servizo de coidado infantil, pensado para quen precise asistir con cativas e cativos. Para facer uso del será necesario solicitalo previamente a través da seguinte ligazón: https://eslib.re/2026/gl/coidado-infantil/

Agora que xa está definido o horario, é o momento de examinar os horarios, escoller os nosos temas preferidos e comezar a preparar unha fin de semana que promete aprendizaxe, encontros e moita comunidade arredor do software e a cultura libre.

Patrocinado por:

Logotipo amtega_novo

Esta actividade enmarcase dentro das actuacións en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do Plan de acción en materia de Software Libre no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030