Este venres 23 de maio, o Centro Demostrador TIC acollerá o seminario “Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre” que se impartirá en horario de 12.00 a 14.00 horas. Este seminario forma parte das actividades de formación específica para persoal directivo que se están a impartir desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño nas instalacións do CDTIC.
O obxectivo deste seminario é amosar aos directivos de empresas TIC as posibilidades que ofrece o software libre á hora de crear un novo produto TIC así como os condicionantes que esta utilización lles impón á hora de comercializalo e distribuílo.
O encargado de achegar esta formación aos asistentes será o enxeñeiro José María Casanova Crespo quen posúe unha dilatada experiencia neste ámbito, xa que é socio fundador de Igalia, consultora especializada en open source: consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA; docente na Facultade de Informática da Universidade da Coruña no ámbito das Metodoloxías de desenvolvemento; coordinador do Máster en Software Libre de Caixanova (Igalia-URJC), dende o ano 2007 ao ano 2009, e membro da GNOME Foundation e da asociación GPUL.
- Log in to post comments