Seminario «Software Libre e licenciamento» no CDTIC

Os próximos mércores 11 de xuño e venres 13 de xuño, o CDTIC acollerá o seminario «Software Libre e licenciamento» que se impartirá en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Cratel do seminario Software Libre e Licenciamento

O obxectivo deste seminario é dar resposta ás principais preguntas ás que se enfronta quen se achega por primeira vez ao software libre, como cales son as razóns para liberar o software, cal é o xeito de facelo correctamente, onde atopar axuda, cando e onde liberalo ou como se poden obter beneficios co software libre.

Está dirixido principalmente a directivos e persoal técnico de empresas TIC. A asistencia é de carácter gratuíto, só cómpre rexistrarse previamente.

O programa destas dúas xornadas comezará coa explicación do concepto de software libre e a terminoloxía relacionada con el (open source, fontes abertas, floss...) e as licenzas libres e os seus tipos e continuará expoñendo as motivacións e vantaxes de liberar o software e como escoller e aplicar unha licenza ao software, para rematar dando unha visión das comunidades de software libre e o seu rol e os xeitos de gañar diñeiro con este tipo de software.

Máis información en mancomun.org