Para o obradoiro Raspberry Pi, outro concepto de computador que ven de desenvolverse o pasado sábado 29 de xuño, dentro do ciclo dos Sábados Libres na Altamar, publicamos en formato wiki o manual referente ás actividades realizadas.
Creemos que este manual ven cubrir dúas eivas importantes:
- Unha das razóns (na miña opinión a de máis peso) do gran éxito desta «maquiniña» é a gran cantidade de documentación ao respecto, porén en galego apenas vimos máis aló dalgún que outro comentario.
- Agrupar nunha mesma páxina wiki unha serie de dúbidas (e/ou elementos non moi divulgados) e ofrecer unha solución conxunta, de forma tal que poidamos solucionar de vez varias configuracións do noso interese.
Seguindo o habitual criterio do autor do mesmo, este manual é perfectamente comprensíbel polos usuarios noveis, as ordes están ben desbrozadas para que non haxa dúbidas ao respecto. Así mesmo a súa aplicación segue o principio de só Software Libre polo que todo o traballo está orientado a traballar sempre cun S.O. GNU/Linux.
Atoparedes este manual no Wiki de GALPon
Algúns dos temas tratados no manual:
- Creación dunha tarxeta básica de sistema con Raspbian
- Transferindo o S.O. a un USB
- Reciclando unha vella tarxeta SD de 1 GB
- Instalación dun NAS con OpenMediaVault
- Traballando con múltiples discos e UUID
- Dispositivo externo de almacenamento
- Servidor FTP
- Cliente Torrent con almacenamento nun dispositivo externo
- Caso práctico complexo
Así mesmo, Ssbre o RaspWolf, Xabier desenvolveu esta documentación que deixou a pública disposición no wiki de Inestable
Esta actividade forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
- Log in to post comments