Convocatoria de axuda en forma de colaboración para un Proxecto de automática/robótica sobre Hardware e Software Libre

Tras a celebración dos pasados «Sábados Libres na Altamar», organizados polo Grupo de Amigos Linux de Pontevedra (GALPon), e visto o alto interese amosado polo Hardware Libre, vendo que pode ser unha porta moi accesible para que a xente acceda ao Software Libre e en xeral aos conceptos de Cultura Libre, que son os alicerces da nosa asociación, decidimos implicarnos nun novo proxecto.

Sendo a nosa intención fomentar o emprego das tecnoloxías libres e apoiar o desenvolvemento en base á liberdade, tal e como preconiza a Free Software Foundation (FSF), e visto que os mozos que non se clasifican, no que se coñece, como «geeks» descoñecen ou ignoran os recursos da liberdade, queremos implicarnos en facilitar este coñecemento, poñendo ao alcance da súa man o utillaxe preciso.

Para isto convocamos este plan de colaboración en base ao seguinte:

Colaboración ofrecida:

  1. GALPon subministrará o material necesario para a realización dun proxecto de automática/robótica libre, ata un importe máximo de 1.000 €.
  2. A Entidade receptora do material/hardware será a responsable da correcta conservación e uso do material/harware
  3. O material seguirá a ser propiedade de GALPon unha vez rematado o proxecto, sendo restituído a GALPon, quen reaproveitará todo o posible para convocatorias en anos seguintes.
  4. Se o proxecto acada o resultado previsto e/ou proposto no proxecto, GALPon concederá un premio de 300 € (en metálico) para os membros do equipo, agás o tutor/responsable se este é mestre/docente/animador do centro ou institución propoñente. O destino final do importe do «premio» será decisión exclusiva dos membros do equipo, non tendo a Dirección, Xunta de Goberno ou órgano semellante da Entidade, capacidade ningunha de decisión neste punto.
  5. No caso de acreditar os méritos para a percepción do premio, o equipo de traballo (ou as persoas delegadas a ese fin) deberán facer unha presentación pública do mesmo en forma de obradoiro. Para elo disporán de ata 6 horas no decurso dun dos «Sábados Libres na Altamar» que organiza GALPon, ou noutra actividade semellante organizada por GALPon.
  6. O proxecto deberá estar rematado, incluída a documentación, o último día lectivo do curso 2013-2014, conforme o calendario da Consellería de Educación (http://www.edu.xunta.es/web/calendarioescolar)
  7. Se chegado o límite do prazo de conclusión do proxecto, este non tivera acadado os seus obxectivos, GALPon poderá considerar a prorroga do prazo, á vista do desenvolvemento do proxecto e a súa complexidade.

Servizo de asesoría:

Asemade, GALPon ofrecese para asesorar ao(s) equipo(s) de traballo no deseño final do proxecto, na escolla do Software a empregar e das licenzas a aplicar e, chegado o caso, a axudar na programación dos scripts/aplicativos/programas necesarios.

Así mesmo, ofrecemos a nosa axuda para unha correcta realización da documentación do proxecto e a súa tradución ao galego (neste caso en colaboración co Proxecto Trasno).

Sobre o software:

  1. Todo o software empregado, incluído o dos sistemas base de desenvolvemento e apoio debe ser Software Libre
  2. Todo o software desenvolvido (scripts e/ou aplicativos/programas) terán que ser liberados baixo unha licenza libre (conforme a FSF) e con cláusula «copyleft»
  3. Todo o software desenvolvido (scripts e/ou aplicativos/programas) terán que ser realizados, se é o caso, empregando un(s) IDE libre(s)
  4. Se o software desenvolvido precisa de máquinas/motores para a súa execución, estas deberán ser tamén libres. (p.ex. máquinas como «Java JRE» non se consideran libres, ollo, non confundir con OpenJava que si é libre)
  5. Non se acepta o emprego de tecnoloxías «.net»

Sobre o Hardware subministrable:

  1. O Hardware a empregar en «todo» o proxecto deberá ser libre e estar gobernado «exclusivamente» por Software Libre.
  2. Aceptarase o emprego de hardware «privativo» sempre que non exista unha alternativa libre e corresponda a elementos auxiliares ou secundarios, e este non supoña máis do 15% do importe. Neste caso aplicase tamén a norma de que deberá estar gobernado (firmware/bibliotecas) por Software Libre.
  3. Nalgún caso, debidamente aprobado por GALPon, poderá empregarse firmware non libre de non existir outra alternativa.

Como referencia, produtos que se consideran libres:

Beagle Bone/Board - http://beagleboard.org/

Raspberry Pi - http://www.raspberrypi.org/

(Nota: Este é o Hwd.menos libre dos aquí incluídos)

Cubieboard - http://cubieboard.org/

Arduino - http://www.arduino.cc/

PiFace - http://pi.cs.man.ac.uk/interface.htm

Uzebox - http://belogic.com/uzebox/index.asp

Nota: Esta lista non exclúe outro posible Hardware Libre

Documentación final do proxecto:

  1. Todo o proceso deberá ser documentado en detalle, de tal xeito que calquera persoa, incluso cos mínimos coñecementos, poida replicar «exactamente» o(s) memo(s) proceso(s)
  2. Esta documentación deberá ser fornecida en formato HTML e/ou MediaWiki. Fornecendo todos os elementos «fonte», como poden ser imaxes, gráficos, esquemas, etc.
  3. Esta documentación deberá poder seren publicada baixo as licenzas GNU FDL e Creative Commons By-SA v.3

Sobre os solicitantes:

Poderá concorrer a esta colaboración calquera Entidade, rexistrada formalmente, que teña nos seus obxectivos a formación e/ou difusión da tecnoloxía, ou o ensino nos graos de educación infantil, educación especial, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional (exclúese implicitamente a educación en graos superiores). Así mesmo, deberán ter a súa sé social na provincia de Pontevedra, no caso de Centros de Ensino, considerase a localización do Centro solicitante.

Sobre as solicitudes:

A Entidade solicitante deberá enviar a GALPon, por correo electrónico á conta presidente [en] galpon [punto] org un escrito, en formato estándar e aberto, no que se indique:

  1. Descrición da Entidade e a súa situación rexistral.
  2. Descrición do proxecto, co máximo detalle posible.
  3. Número de persoas (o máis aproximado posible) que formarán parte do equipo.
  4. Descrición das «calidades» das persoas para a realización deste proxecto. Idade, formación, casuística particular, etc.
  5. Interese ou utilidade pública do proxecto proposto.
  6. Orzamento (o máis aproximado posible) dos materiais previstos.

Análise de propostas de proxectos:

Un xurado de técnicos de diversas disciplinas, nomeado pola Xunta Directiva de GALPon, do que será secretario con voz mais sen voto o Presidente de GALPon ou persoa en quen delegue, analizará as propostas e acordará a cal delas se lles fornecerá o material necesario.

De darse a situación de que, dentro do límite da aportación (1.000€) que fai GALPon fose posible colaborar con máis dun proxecto, este xurado determinará cales e en que contía.

Data límite de presentación de propostas de proxecto:

As propostas de proxecto deberán seren enviadas antes do día 1 de outubro do presente ano.

Data de notificación da proposta aceptada:

O informe do xurado sobre as propostas, publicaráse, a máis tardar no segundo domingo (13) de outubro do presente ano.

Definicións:

Software Libre - Estarase ao definido pola FSF (Free Software Foundation)

galego - http://www.gnu.org/philosophy/free-sw.gl.html

español - http://www.gnu.org/philosophy/free-sw.es.html

Hardware Libre  - Os dispositivos de hardware cuxas especificacións e diagramas esquemáticos son de acceso público, sexa baixo algún tipo de pago ou de forma gratuita. A filosofía do Software Libre (as ideas sobre a liberdade do coñecemento) é aplicable á do Hardware Libre. Debese lembrar sempre que «libre» non é sinónimo de gratis. O Hardware Libre forma parte da Cultura Libre.

Nota: Isto é unha nova, os termos vinculantes da convocatoria están publicados no noso wiki.