Constrúe o teu primeiro proxecto con micro:bit!
Atréveste a dar os teus primeiros pasos na programación? Neste obradoiro aprenderás a programar a micro:bit con MicroBlocks dun xeito sinxelo e moi intuitivo.
A BBC micro:bit é unha pequena tarxeta (4x5cm) que permite ser programada dun xeito moi doado e divertido grazas ao sistema de bloques. Tanto a maquiniña como o software son de código aberto.
A través da exploración e do xogo, descubrirás como crear pequenos proxectos interactivos e darás tamén unhas primeiras nocións de robótica, aproveitando dispositivos como os robots con rodas Maqueen, para ver como o código cobra vida no mundo real.
Non fai falla experiencia previa: só ganas de aprender, experimentar e pasalo ben!
- Obradoiro práctico e participativo
- Ideal para comezar desde cero
- Aprende facendo: programa, proba e crea
- Introdución á programación e á robótica
- Trae o teu portátil, nós poñemos as micro:bit os robots con rodas e o resto do material
Para estas prácticas, empregaremos o software en liña MicroBlocks.
Nosoutros, facilitaremos todos os dispositivos micro:bit a empregar durante as prácticas, vós deberedes traer un computador portátil cun porto USB (lamentabelmente, os dispositivos móbiles non permiten conectar as placas micro:bit).
MicroBlocks pode executarse nun navegador Chrome ou Edge, sen ter que instalar nada máis, ou, se o preferides, podedes descargar unha aplicación independente para Chromebook, Windows, macOS ou Linux. Podedes ver todos os detalles dos equipos en: https://microblocks.fun/get-started. Non vos agoniedes coa configuración, iso farémolo no obradoiro, vós quedade no paso 1.
Quen pode asistir?
Aínda que a nosa proposta vai máis encamiñada cara a xente miúda da casa, isto non é obstáculo para que poidan asistir mozos e incluso maiores.
Os menores de 9 anos teñen que asistir a todo o obradoiro en compaña dunha persoa adulta (tamén aceptaríamos un-ha irman-á de 14 ou máis anos), de tódolos xeitos, os menores de 14 anos terán que vir acompañados dunha persoa adulta, que poderá quedar e asistir ao obradoiro ou irse ata que volva recollelos ás 13:30.
No local hai espazo (e conexión) para que os adultos poidan ler ou traballar tranquilamente, mentres agardan.
Disporemos de auga e froita para todos, se alguén necesita algo especial, pode traelo, temos frigorífico e microondas.
Data e horario:
Sábado 11 de Xullo de 11:00 a 13:30
Lugar:
A Industriosa
Gregorio Espino 38, entresollado 3
36205 Vigo
Inscrición:
É necesario inscribirse por mor da capacidade da sala
Podedes facelo a seguir ou acceder a través desta ligazón
Os dispositivos micro:bit a empregar neste obradoiro foron mercados co patrocinio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do Plan de acción en materia de Software Libre no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

- Log in to post comments