Premios aos mellores PFC de desenvolvemento de aplicativos libres para a localización (l10n)

A Asociación Proxecto Trasno anuncia a convocatoria dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento de aplicativos libres para a localización (l10n).

Coa concesión destes premios preténdese incentivar o desenvolvemento de software libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da localización.

Poderán optar a estes premios os estudantes universitarios con proxectos de fin de carreira presentados durante os cursos académicos 2010-2011 ou 2011-2012, relativos aos campos da localización e a tradución xa sexa de software ou de documentación, ou de apoio lingüístico ao galego, podendo tamén seren aplicables a calquera outro idioma. Os proxectos deberán contar cunha implementación funcional publicada baixo licenza libre compatible coa GNU GPL segundo a FSF, e empregarán ineludibelmente tecnoloxías libres e estándares abertos.

Tamén poderán concorrer aos premios aqueles proxectos aínda non presentados, pero que conten cun anteproxecto e cunha implementación de software funcional.

Todos os interesados en participar neste premio teñen de prazo ata o 4 de novembro de 2011 para remitir a súa candidatura por correo electrónico ao enderezo info@trasno.net con toda a información indicada nas bases do premio.

De entre todas as candidaturas recibidas, o xurado escollerá os dous gañadores en función dos seguintes criterios:

  • Calidade e orixinalidade.
  • Inexistencia de solucións de software libre con capacidades semellantes. Ou mellora substancial dalgunha solución xa existente.
  • Emprego de tecnoloxías libres e estándares abertos.
  • Utilidade para a localización de software e documentación libres.

A resolución do xurado publicarase durante a semana seguinte nun acto público. Poderán concederse ata dous premios, un primeiro premio de 600€ e un segundo premio de 400€.