Presentación de «Enable Viacam» e «SITPLUS», dúas ferramentas de computador, libres e de balde, para persoas con discapacidade.

Conferencias de D. Cesar Mauri, desenvolvedor e lider de ambos proxectos.

Sábado día 1 de outubro, 11:00 da mañá, conferencia dirixida a pais, educadores/monitores e usuarios en xeral.

Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia
  R/ Policarpo Sanz 24, 3ª andar
  36202 VIGO


Luns día 3 de outubro, 12:00 da mañá, conferencia dirixida a técnicos e desenvolvedores, na que se analizará o código (GPL) e a súa estrutura técnica.

Salon de Graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
  Universidade de Vigo
  Lagoas, Marcosende


Con esta presentación na Universidade, que vai facer D. Cesar Mauri, responsable dos equipos de desenvolvemento de eViacam e Sitplus, pretendemos que poidan ver o código aberto (GPL), coñecer como foron desenvolvidas as ferramentas, como funcionan os equipos de deseño e desenvolvemento, a fin de que todos os que desexen colaborar ou participar no desenvolvemento, ou simplemente os que teñan curiosidade poidan coñecer en detalle as "tripas" destes aplicativos.

Gustaríanos que se nos sumara o maior número posible de xente, recibir propostas de ideas ou simplemente facer probas previas (betatester) para mellorar o código e poder crear novas funcionalidades.

As persoas con discapacidade motora agardan a vosa axuda.

eViacam

Enable Viacam (eViacam) é un programa de computador que substitúe a funcionalidade do rato permitindo mover o punteiro a partir do movemento da cabeza. Funciona nun ordenador PC equipado cunha cámara web, sen elementos adicionais. eViacam está baseado no programa Rato Facial galardoado con varios premios.

Plataformas admitidas: GNU/Linux Windows 2000/XP/Vista/7

Non todo o mundo é quen de empregar o rato para mover o cursor na pantalla. eViacam é un software libre e de balde que foi deseñado principalmente para persoas con discapacidade. Utilizando unha cámara web, detecta o movemento da cabeza e o punteiro móvese en consecuencia. Só ten que configurar a área de detección (localizar a cara do usuario), a continuación, prememos no botón para inicialo. A xanela principal de eViacam tamén ofrece un acceso directo ao teclado virtual do seu Sistema Operativo. Para premer (facer «clic») nunha ligazón ou documento, coloque o punteiro sobre el e agarde un par de segundos a que se execute. Na parte superior da pantalla, ten unha barra para seleccionar o tipo de pulsación que queira facer: «clic» co botón dereito ou o esquerdo, dobre «clic» ou ata nada en absoluto. A configuración e calibrado da sensibilidade e velocidade do cursor sobre os eixes X e Y, o tempo de demora para facer o «clic», etc. entreteralle uns minutos, pero isto só será a primeira vez que o execute, despois da instalación. eViacam pode utilizarse (actualmente) en 10 idiomas, incluído o castelán, galego, catalán e asturiano.

Conclusión? eViacam funciona moi ben cun pouco de práctica! Libre e moi intelixente, é un gran programa que permite que ás persoas con discapacidade poidan gozar completamente do seu PC.

SITPLUS

SITPLUS é un framework de software libre (GNU/GPL) cuxo principal obxectivo é ofrecer actividades lúdico-terapéuticas para persoas con pluridiscapacidade. Ofrece novas formas de interacción baseadas en visión artificial, voz e outros periféricos para producir un resultado en forma de imaxe e son. Inspirado nos aplicativos de causa-efecto, SITPLUS fornece unha ferramenta para a interacción continua e a distancia, accesible á maioría das persoas con discapacidades cognitivas, físicas e sensoriais.

SITPLUS é froito de case tres anos de investigación, desenvolvemento e intervención directa con persoas con parálise cerebral da APPC.  Foi concibida a finais de 2007 para tentar dar unha resposta ao grupo de persoas cuxa combinación de limitacións motrices, cognitivas e ata sensoriais vetábanlles o acceso a outras ferramentas de uso máis común. As sesións experimentais, levadas a cabo no laboratorio que a APPC dedicou en exclusiva a este proxecto, revelan que esta ferramenta non só é útil para moitas persoas con afectacións moderadas e severas, senón que, ademais, resulta moi motivadora para aqueles usuarios con afectacións máis leves.

O espazo web dedicado a SITPLUS é un proxecto que ten o dobre obxectivo de, por unha banda, ofrecer de forma totalmente de balde está tecnoloxía ás entidades e familias, e por outra, abrir a porta á vosa colaboración para continuar mellorándoo.

Aínda que SITPLUS céntrase nas persoas con parálise cerebral, tamén pode beneficiar a outras persoas con discapacidades cognitivas. Doutra banda, tamén pode ser útil como unha plataforma para a investigación en xogos, música e arte interactivos. De feito, SITPLUS concíbese como un marco de aplicación onde se poden desenvolver diversas actividades que utilizan recursos. Os recursos serían elementos como, por exemplo, a análise do son de entrada, o seguimento do movemento a través de visión artificial, os algoritmos de síntese gráfica e sonora, etc. As actividades non son máis que pequenos aplicativos que utilizan os recursos para facer algo útil (por exemplo, permitindo interactuar co sistema dalgún xeito). A idea deste modelo é permitir a reutilización dos compoñentes para proporcionar diferentes escenarios interactivos mantendo simple o seu desenvolvemento e uso.

Neste momento SITPLUS está dispoñible en castelán, galego e catalán (outros idiomas en proceso de tradución).

NOTA:

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación GALPon desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2011 da Xunta de Galicia.