Proxecto Trasno organiza o «Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas»

Os nosos compañeiros de Proxecto Trasno organizan un encontro cos equipos de tradución  de SwL aos idioimas minorizados do estado español, concretamente cos equipos Librezale (Euskal Herria), Softcatalá (Catalunya), Softastur (Asturies) e Softaragonés (Aragón).

GALPon, a xeito de colaboración, aporta a este encontro unha bolsa coa que poder facer fronte ao alugueiro dun cuarto de hostal para os trasnegos que teñan que desprazarse a santiago de Compostela. Asemade colabora no aloxamento da páxina web.

Porque acceder á tecnoloxía no noso idioma é un dereito!

Este encontro, pretende acadar unha posta en común da problemática específica dos grupos de tradución do SwL á linguas minorizadas e/ou en risco de desaparición; así como iniciar unha relación de colaboración e posta en común de recursos que axude a mellorar o rendemento e a calidade dos traballos.

Como indican na páxina web:

É a nosa intención que nos xuntemos as persoas tradutoras dos equipos «oficiais» de tradución de Mozilla (Firefox, FirefoxOS, Thunderbird) LibreOffice e Apache Openoffice, Gnome, Mate, Kde, LXDE, Debian, MiniNo, Ubuntu, Mint, Fedora, ownCloud. OpenMediaVault, Android/Cianogenmod, etc. así como calquera outras persoas tradutoras de aplicativos libres, estean organizadas ou non.

A asistencia a estas xornadas é libre, aberta e de balde. Poderá asistir calquera persoa interesada na tradución de software ou de produtos tecnolóxicos e informáticos, a calquera idioma.

As mesas sectoriais organizaranse por grupos de traballo, nos que participaran todas aquelas persoas que sendo integrantes, por asociación ou colaboración, dos grupos organizadores, teñan interese no tema da mesa. aquelas persoas non integradas en grupos ou asociacións, poderán asistir como convidadas. A temática de cada mesa deberá seguirse no «Programa de actividades» (neste momento aínda en fase de deseño).

Se ben non se falará da problemática doutros idiomas (como pode ser o español ou o portugués por non seren idiomas minorizados nin en risco de extinción) as persoas tradutoras son ben recibidas nos grupos de traballo, xa que a súa experiencia será sempre enriquecedora da nosa.

Podedes ver toda a información en detalle na páxina oficial, no «evento» en G+ e inscribirvos pa páxina de inscricións.