Publicación versión final de MiniNo 3.0 «Queiles»

Etiquetas

Tralas vacacións de verán (que aproveitamos para traballar nisto) anunciamos a publicación das versións finais de MiniNo como sempre baseada en Debian e neste caso na versión Jessie. Como xa vimos indicando nas publicacións previas, a versión é a 3.0 á que lle demos o nome de Queiles.

Desta versión fixemos d´uas variantes, a tradicional de 32 bits, neste caso xa só co núcleo 686-pae e máis unha versión experimental co kernel de 64 bits de liquorix (o S.O. segue a ser de 32 bits).

Para ambas versións fixemos os seguintes cambios:

Tras xurdir unha serie de problemas na ferramenta que usabamos para compilar a ISO (procedente de remastersys) pola súa incompatibilidade co  novo núcleo, vímonos obrigados a recorrer ás ferramentas de Refracta. Isto implicou modificalo para axustalo ás nosas necesidades e a reescribir o noso instalador e modificar os de refracta.

Ademais, nesta versión, disporemos de 4 instaladores (en realidade 5) que operan do seguinte xeito:

  • O modo desasistido é o recomendado para  os máis inexpertos.
    • Este modo ten dúas variantes:
      • Automática: É a máis sinxela, ocupa todo o disco.
      • Manual: Permítenos elixir a partición na que queremos facer a instalación. Non permite configurar ningún parámetro.
  • O modo básico permítenos axustar algúns parámetros, lémbranos o instalador de Debian. Permite escoller o disco de destino e instalar a partición /home separada, mais non permite configurar usuarios.
  • O modo avanzado é moi sinxelo, permítenos configurar o usuario e o seu contrasinal. O arrinque pono sempre no MBR do primeiro disco (sda).
  • O modo experto está indicado só para usuarios con experiencia na configuración de múltiples particións.

Por mor da cantidade de problemas que nos estaba a dar, especialmente coa reprodución de vídeos de Youtube, eliminamos o navegador Midori. No seu lugar deixamos configurada a base, para que quen o desexe poida instalar doadamente Tor Browser simplemente executando na terminal «sudo apt install torbrowser-launcher» ou mediante Synaptic instalar «torbrowser-launcher» (acordarse de actualizar os repositorios antes). Non o instalamos definitivamente xa que no inicio hai que facer unha mínima configuración que depende de cada caso en concreto e, incluso, hai quien nunca o usa por non comprender a forma de funcionamento da rede Tor.

Para os que teñen especial interese na preconfiguración de Tor browser, indicarlles que seguimos as indicacións de: https://www.torproject.org/docs/debian.html.en#ubuntu coa modificación de que a última liña aplicada foi, simplemente: $ sudo apt install deb.torproject.org-keyring, xa que «tor» instalase como dependencia de «torbrowser-launcher»

Tamén fixemos unha substitución, cambiando UMPlayer, que quedou bastante obsoleto, por SMPlayer.

Tendo en conta que as máquinas obxectivo desta distribución adoitan ser bastante vellas é cotiá que teñamos temor á perda de datos por ser o disco tamén moi vello; para paliar este eventual problema temos xa instalado «Cronopete» (ver máis).

E  non esquezamos «Inxi», unha ferramenta que incorporamos a fin de que sirva de axuda para as consultas no foro ou para facer calquera instalación de controladores específicos de hardware, da que podedes ver formas de uso aquí e aquí.

Se alguén quixer instalar para libreoffice o tema de iconas (non oficial) «Kalahari», pode descargar https://minino.galpon.org/public/LibreOffice/Kalahari_Icons-0.5.0-b2.ta…, no interior atoparedes un manual de como facelo en distintos contornos.

No caso da versión de 64 bits -experimental- modificamos a ferramenta mininera «MiniNo traspasa» para que permita transferir o S.O. a un dispositivo que poida ser arrincado en equipos modernos con UEFI (ver máis) podedes ver un vídeotitorial feito sobre PicarOS no que se explica como facer ese «traspaso», o método é exactamente igual.

Coa colaboración de:

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ─ Xunta de Galicia

Logos-xunta-2013 alfa.png

Esta publicación forma parte das actividades que GALPon realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.