Co gallo da esLibre 2024, dous membros da directiva e varios socios de GALPon desprazáronse, os pasados 24 e 25 de maio, ata Valencia a fin de colaborar na edición deste ano.
Como ben sabedes xa, esLibre é un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías e na cultura libre, enfocado a compartir coñecemento e experiencias arredor das mesmas.
Após a edición de 2022, celebrada en Vigo, GALPon pasou a formar parte de grupo organizador. Este congreso consolidouse coma un importante evento na comunidade «libre», sendo imprescindíbel asistir a el, tanto pola importancia e gran nivel das propostas como pola relación entre usuarios e comunidades. A nosa colaboración inclúe a colaboración na xestión de relatorios e análise de propostas, ata a organización material, coordinación de salas e relacións cos relatores. Tamén xestións previas con entidades locais ou empresas, para o mellor fin do Congreso.
Este ano celebrouse en Valencia, da man de «GNU/Linux Valencia», coa colaboración doutros grupos locais coma «Emancipació comunitaria», «Hacker Space Valencia», «VLC Tech Hub» ou «Hack Valencia», nos locais de «Las Naves» e «La Mutant» coa colaboración do Concello de Valencia e da institución municipal «Valencia Innovation Capital».
De volta na casa, comezamos xa a colaborar na edición de 2024.
Este actividade foi parcialmente subvencionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do programa de subvencións publicada no DOG Núm. 157 o luns 21 de agosto de 2023.
- Log in to post comments