Cales son os recursos hardware mínimos para executar a nova versión do Minino?
Nesta nova versión a máquina obxectivo foi unha equipada con:
- Procesador de 1.0 GHz
- 256 MB de RAM
- Disco ríxido de 2,5 GB (a instalación ocupa 2,0 Gb + espazo swap)
A limitación de procesador e RAM vén determinada fundamentalmente polos actuais requisitos das páxinas web, xa que por baixo deses parámetros é moi difícil que un vídeo en flash de Youtube ou Vimeo póidase ver de xeito fluído. Aínda que non se descarta que se poida traballar con procesadores de 800 MHz e/ou con memorias RAM de 192 MB.
Para máquinas con equipamento inferior debe seguir usándose a versión 1.2, que en breves días disporá dunha revisión denominada 1.2.1
Só unha pequena aclaración con respecto aos requisitos mínimos: estes requisitos de 1Ghz e 256Mb RAM son os precisos para ter unha boa experiencia facendo practicamente calquera tarefa cotián incluíndo a navegación web.
Mínimos mínimos diríamos que serían os 500Mhz con 128Mb RAM e 2.5Gb de disco ríxido, con isto o escritorio e a administración de ficheiros son fluídos abondo, mais neste caso hai que coñecer os límites do noso computador, é dicir, poderemos escribir documentos, escoitar música, ver vídeos, incluso navegar por blogs, a wikipedia ou periódicos dixitais... mais non poderemos facer uso de flash ou javascript sen perder os nervios. Neste tipo de máquinas é moi recomendable, incluso, desactivar javascript nas preferencias ou entrar nos servizos de correo web na súa versión html.
Que incorpora de novidoso a v2 Ártabros?
A primeira e máis notable é o emprego de Debian Wheezy como base e a adopción do escritorio de LXDE.
Si, xa sabemos que o noso «escritorio» anterior é máis lixeiro, pero quedouse atrás nalgunhas necesidades actuais, así que decidimos que era preferible «optimizar» LXDE que seguir engadindo módulos a IceWM.
Dispoñible con 2 núcleos
- linux-image-3.2.0-3-686-pae
- para ordenadores modernos (aprox. menos de 12 anos)
- linux-image-3.2.0-3-486
- para ordenadores antigos (aprox. máis de 12 anos)
Nota: O menú inicial de GRUB dispón de máis de 20 modos para acceder a distintas opcións de vivo/instalación. Para facelo manexable está estruturado en menús e submenús.
Dous instaladores
- Instalador sinxelo, con dúas opcións:
- Normal: Só pide datos moi sinxelos de entender por calquera novato
- Non preguntes, faino! (No questions, simply GO!): só preguntaranos que idioma queremos utilizar como predeterminado e pediranos que confirmemos a instalación tras avisarnos de que vai a formatar toda a unidade, así de sinxelo.
- Instalador avanzado
- Lembraranos ao instalador experto de Debian, para quen necesite un control total da instalación.
Esta versión engade o catalán como idioma inicial, grazas a José Angel Gallegos que fixo as traducións. Desta forma son 4 os idiomas utilizables na Vivo e na instalación inicial .
Incorporamos tamén a xestión de Bluetooth e a compatibilidade de modems 3G (só puidemos probalo con Yoigo) .
Creamos tamén unha configuración de «Tor» para usala co navegador Midori e poder facer navegación anónima na Rede, simplemente premendo nunha entrada de menú.
Incorporamos unha opción para «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio. Isto permitiranos «xogar» coa tranquilidade de que poderemos volver aos «axústes de fábrica».
Engadiuse unha opción de escritorio «Estilo Gnome» para quen bote en falta esa forma de traballar. Para acceder a ela, só hai que seguir unha entrada de menú e non precisa instalar nada.
Incorporamos tamén a configuración automática de impresoras segundo sexan conectadas, sempre que o controlador (driver) estea instalado.
Temos incluído moitos controladores de impresoras, os básicos de cups, a colección de foomatic, os de gutenprint e os propios de HP. É imposible incluír todos os controladores, mais hai unha boa colección deles sen ter que empregar a conexión a Internet.
Así mesmo incorpórase un «Pseudo Exposé» e sombras nas xanelas. Mais estas opcións, a fin de manter os equipos en mínimo consumo de recursos, están desactivadas no inicio e deberán ser activadas, a criterio do usuario e en función dos recursos da súa máquina, na configuración de sesión de escritorio.
Polo que respecta aos navegadores, ao final optamos por incluír dous: Midori e Iceweasel. Iceweasel é un pouco máis pesado, sobre todo cando tira de xulrunner, mais é máis maduro que Midori en moitos aspectos e para os que necesitan de engadidos é un bo navegador.
Integramos tamén «cronopete» algo que agradecerá a xente que quere usar a Minino con fins profesionais pero tenlle respecto por si lle falla o disco HD (non esquezamos que estamos falando de máquinas que xa teñen os seus centos de miles de gravacións nas costas e que os discos quéixanse).
A imaxe gráfica aínda non está completa, xa que grazas ao «mixiricas» que somos, a «artworker» debe estar ao bordo dun ataque de nervios ou a piques de mandarnos a paseo :-)
E, por último, comentar que pcmanfm, o administrador de ficheiros, ten capacidades para navegar por redes samba, ftp e sftp. O paquete samba habería que instalalo, quédannos poucos megas libres no CD para incluír todo o que quixeramos e samba ocupa bastante. De tódolos xeitos, non esquezamos que poderemos instalar todo o que precisemos desde os repos de Debian.
- Log in to post comments