esLibre 2026 en Melide

Banner esLibre 2026 galego

Nos vindeiros 17 e 18 de abril, desenvolverase en Melide o Congreso esLibre 2026, deste xeito Melide converterase nun dos máis importantes puntos de referencia no ámbito da cultura aberta e das tecnoloxías libres.

Unha das particularidades de esLibre é o seu carácter itinerante, cada vez é organizada por unha comunidade anfitrioa diferente. A edición de 2026 está coorganizada por MeLiSA (Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide) e máis nós, GALPon.

En esLibre non só atoparás software e tecnoloxía, son moi importantes as comunidades culturais e sociais, activistas, docentes, profesionais do sector tecnolóxico e persoas interesadas no coñecemento libre para compartir experiencias, presentar proxectos e fortalecer redes de colaboración.

O congreso desenvolverase no Edificio Multiusos e no Centro Sociocultural Mingos de Pita, dous espazos situados na Praza das Universidades, no corazón da vila. Durante dúas xornadas combinaranse charlas, obradoiros, mesas de comunidades, exposición de proxectos e actividades paralelas, mantendo o formato que caracteriza esLibre desde os seus inicios. Haberá tamén propostas pensadas para públicos diversos, incluíndo un espazo para cativas e cativos, unha saída fotográfica e xantares sociais, convidados por Librebit.

A participación é de balde, tanto en modalidade presencial como en liña, mais require inscrición previa. Está prevista a asistencia dun cento de persoas en cada xornada, nun formato que favorece a proximidade, o intercambio directo e a creación de comunidade.

esLibre non é só un congreso técnico: é un espazo para coñecerse, conversar e construír proxectos en común arredor da filosofía do software libre, baseada na colaboración, na soberanía tecnolóxica e no acceso aberto ao coñecemento.

Levar esta cita a unha vila como Melide supón reafirmar que a cultura libre pode medrar e consolidarse en calquera territorio.

Patrocinado por:

Logotipo amtega_novo

Esta actividade enmarcase dentro das actuacións en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do Plan de acción en materia de Software Libre no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030