esLibre26 en Melide: dous días de comunidade, aprendizaxe e moito máis

Foto grupo venres 17

Aínda coa sensación de ir todo moi rápido, pechamos esLibre26 en Melide cun sorriso e tamén cun certo baleiro após dous días intensos. Para as persoas que formamos parte da organización desde GALPon, foi unha edición especial. Non só polo traballo previo, senón polo que significaba levar esLibre a un lugar como Melide.

Viñamos de edicións en cidades grandes e había unha pregunta no aire: funcionará aquí? A resposta foi clara desde o primeiro momento, mais confirmouse de todo ao longo desta segunda xornada: preto de 200 persoas, salas cheas, conversas constantes e ese ambiente que non é doado explicar mais moi doado de recoñecer cando acontece.

O día comezou forte, xa desde primeira hora, con propostas como o GallaecIA Media Hacklab de Alberto Quian, que puxo enriba da mesa algo que levamos tempo vendo: a necesidade de experimentar coa intelixencia artificial desde espazos propios, abertos e críticos. A partir de aí, a mañá foi collendo ritmo con relatorios que tocaron moitos dos debates actuais: grandes modelos de linguaxe, IA autoaloxable, soberanía tecnolóxica, redes libres ou autodefensa dixital.

Unha das cousas que máis nos gusta de esLibre é precisamente esa mestura. Nunha mesma franxa horaria podías estar escoitando falar de motores web para sistemas incrustados con Linux, aprender sobre documentación reproducible con Quarto, asistir a un obradoiro de autoconsumo solar ou participar nun espazo de construción de soberanía dixital cos teus veciños. E todo iso convivindo con propostas sobre cultura libre, música con software libre ou produción audiovisual en GNU/Linux.

Tamén houbo moito de social e de político: intercooperación tecnolóxica, economía social, ciberactivismo desde os territorios… cousas que lembran que o software libre non é só código, senón tamén formas de organizarnos e de construír alternativas.

Mais se algo define esLibre, e isto volveuse notar estes días, é o que pasa fóra dos relatorios e obradoiros. Os corredores, os descansos, os xantares. Xente que se coñece de anos colaborando en proxectos e que aquí se volve atopar. Xente nova que chega por primeira vez e se integra en cuestión de horas. Conversas que comezan cunha pregunta técnica e rematan en algo completamente distinto.

Como organización, vivímolo tamén desde dentro con esa mestura de tensión e satisfacción. Hai moitas cousas que non se ven: coordinación de espazos, cambios de última hora, persoas voluntarias que están pendentes de todo… e que fan que todo funcione. Sen ese traballo, simplemente non sería posible.

Na clausura, cando por fin paramos un momento, foi inevitábel poñer en valor o que acababa de pasar. Levar esLibre a Melide non era só unha cuestión loxística. Era tamén unha aposta: demostrar que se poden facer cousas deste nivel desde o rural, que non todo ten que pasar nas grandes cidades, que a comunidade está aí igualmente.

E a resposta foi emocionante. Ver preto de 200 persoas alí, compartindo coñecemento, tempo e espazo, foi algo que nos trouxemos para casa.

Tamén houbo tempo para pechar doutra maneira, máis tranquila, cun roteiro fotográfico por Melide guiado polo Museo da Terra. Un xeito fermoso de conectar o congreso co lugar que o acolleu e de seguir facendo o que nos gusta: crear e compartir coñecemento, tamén desde o territorio.

Remata esLibre26, mais a realidade é que isto non para aquí. Moitas das persoas que estiveron estes días en Melide seguirán colaborando durante o ano en proxectos, comunidades e iniciativas. Ese é, ao final, o verdadeiro motor de todo isto.

Grazas a todas as persoas que o fixeron posible.

 

Patrocinado por:

Logotipo amtega_novo

Esta actividade enmarcase dentro das actuacións en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao abeiro do Plan de acción en materia de Software Libre no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.