O Software Libre como escusa II

A raíz da nosa publicación con este mesmo título, de data 09/06/2015, Apareceu na web de Igaciencia un escrito que só podemos cualificar de noxento, este escrito foi modificado posteriormente, e aínda que xa ten un estilo máis educado, segue a seren un feixe de desculpas «baratas». Esta resposta foi publicada baixo o título «O software libre como negocio»

Por iniciativa doutro GUL galego, abriuse un documento colaborativo en Mopad para redactar unha resposta conxunta dos grupos que decidiran sumarse para remitírllelo. Pegamos a seguir o contido dese escrito, tal e como se lles fixo chegar o pasado día 26.

Nota: A día de hoxe aínda ninguén recibiu resposta ningunha. Tampouco atopamos ningunha referencia a el na web de Igaciencia

Estimados Srs. Organizadores do IV Congreso de Software Libre na Educación:
 
O tecido empresarial de Galicia e o movemento asociativo, están implicados no eixe do Software Libre de xeito troncal. Asociacións como AGASOL (A. de Empresas Galegas de Software Libre), GPUL (Grupo de Programadores y Usuarios de Linux), GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), Melisa (A. de usuarios de software libre da Terra de   Melide), Bricolabs (Asociación de fomento de investigación en tecnologías libres Bricolabs), xeoPesca (Asociación xeoPesca), ou Asociación Comunidade O Zulo, conformamos unha boa parte pública deste movemento.
 
Que un software sexa libre nada ten que ver co prezo que pague o usuario pola licenza de uso, senón polas liberdades que ese software lle ofrece ao usuario. Esas liberdades están moi ben resumidas pola FSF, e son as seguintes:
  • a de empregalo para calquera propósito;
  • aprender como está feito;
  • modificalo;
  • redistribuílo, así como redistribuír as súas modificacións
Consideramos que o modelo de software libre ten un gran valor para o mundo educativo, non só como forma de aforrar cartos á hora de mercar as licenzas de uso das aplicacións, senón como forma de ensinar modelos de produción cooperativa, promover a participación do individuo no desenvolvemento de proxectos complexos, ou na posibilidade de aportar coñecemento á sociedade.
 
Actualmente desenvólvense en Galicia múltiples actividades gratuítas de promoción do software libre dirixidas a distintos públicos. Sen dúbida  gustaríanos que houbese máis dirixidas explicitamente ao sector educativo non universitario.
  • Tódolos últimos sábados de mes os compañeiros de GALPon artellan obradoiros, de  6:30 horas cada un, sobre tecnoloxías libres en Vigo, todas utilizábeis no ensino e algunhas específicas dese eido.
  • Os xoves, en datas lectivas, os compañeiros de GPUL tamén o fan na Facultade de Informática da Coruña.
  • Obradoiros de montaxe e configuración de equipos informáticos con GNU/Linux nos centros penitenciarios galegos. Actividade iniciada por MeLiSA no ano 2013, e que leva formado a máis de 80 internos nas tarefas de instalación e configuración dun sistema operativo libre.
  • Xornadas de Usuarios de R en Galicia. Este ano celebrarase a II Xornada de Usuarios de R en Galicia, despois da primeira edición no ano 2013, e de celebrar o ano pasado as VI Jornadas de R-Hispano durante dous días no mes de outubro.
Ademais, xornadas como a recente «(r)evoLuƧión» de AGASOL no edificio da Amtega en Santiago de Compostela, a OHSWDem de Bricolabs, ou a próxima Akademy en xullo de 2015 son algunhas das achegas que nós facemos, todas elas de balde para os asistentes, non especificamente no campo do ensino, pero co que tamén colaborariamos se tivese a labor difusora das boas calidades do software libre como parte do interese da dirección do   evento.
 
Vimos o congreso que levades organizando nos últimos anos, e valoramos a iniciativa, pero non podemos estar de acordo en que se confundan os termos software libre con software gratuíto, cualificando de libres moitos programas que na súa licenza de uso indican explicitamente que non o son. A necesidade de rebuscadas explicacións sobre porqué se   inclúen algúns dos programas no congreso deixan claro que non estamos a falar dos termos da licenza de uso, único documento que acredita un software como libre ou non.
 
Pensamos que esta confusión de termos pode resultar moi daniña, especialmente  no  entorno educativo, xa que o único valor que se subliña dos programas é a súa gratuidade, con independencia do modelo económico e de creación que ten detrás.
 
Con isto queremos propoñer que o congreso non se chame «de Software  Libre», porque é, polo menos, inexacto. Unha pregunta que queremos formular é, habería algún detrimento no congreso ou nalgunha parte do mesmo, se o nome fose «Congreso de Software Gratuíto para a Educación», ou, «Congreso de Software para a Educación», e non incluíse o  cualificativo  de libre?
 
Porque se o congreso pretendera ser de software libre, entendemos que non só non podería relegar a un segundo plano a filosofía que hai detrás (pois o software libre non é senón esa filosofía), senón que moito menos se podería descualificar o intento do Presidente de GALPon, compañeiro nesta resposta, de propoñer as diversas alternativas que existen hoxe  para cubrir cada un dos aspectos do congreso nos que se prescinde do software libre; e publícase unha contestación que, entendemos os asinantes, non rebate esta proposta fundamentándose nos principios do Software Libre, senón que os ignora unha vez máis.
 
Como lle dixemos en máis dunha ocasión a diversas organizacións espalladas por Galicia, todos nós estamos dispostos a axudar, e aconsellar, a quen nos consulte sobre a existencia destas alternativas, e mesmo a atopar xente que as coñeza e use.
 
Queremos, por último, subliñar que nos doe que se nos acuse aos colectivos implicados na difusión dos principios do software e o hardware libres de  ser «organismos inútiles», facendo de menos ou ignorando deliberadamente actividades organizadas por nós, como as que temos descrito máis arriba.
 
Un saúdo,
 
Santiago Saavedra López
Presidente de GPUL
 
Xoan Sampaiño Villagra
Delegado de Bricolabs
 
Miguel A. Bouzada
Presidente de GALPon
 
Rafael Rodríguez Gayoso
Presidente de MeLiSA
 
Alberto Permuy Leal
Presidente de Asociación Comunidade O Zulo
 
Xavier Castaño Garcia
Presidente de Agasol
 
Pablo Belay
Presidente de xeoPesca